- Tematica
A Concellaría de Xuventude de Ames organiza para este mes de febreiro unha nova actividade que se enmarca dentro do programa Trouleando. Nesta ocasión proponse un bautismo de escalada nun rocódromo. Será o vindeiro luns 20 de febreiro, e ofrecerase servizo de autobús dende Bertamiráns e O Milladoiro. Os mozos e mozas interesados en participar deben anotarse enviando a ficha de inscrición cuberta ao enderezo electrónico xuventude@concellodeames.gal entre os días 9 e 13 de febreiro. As prazas son limitadas, e asignaranse por orde de chegada dos correos electrónicos.
O programa Trouleando ofrece para a mocidade unha nova iniciativa durante o mes de febreiro, unha xornada de escalada. Ao longo de toda unha mañá, os participantes poderán gozar dunha sesión de bautismo deste deporte no rocódromo situado no polígono de Costa Vella, en Santiago de Compostela.
A escalada é unha actividade física moi completa que mellora o equilibrio, a postura, a forza, a resistencia, a flexibilidade e as capacidades aeróbica e anaeróbica. Así mesmo, ten beneficios a nivel de equilibrio mental, ao axudar a xestionar as emocións, superar os medos, desenvolver confianza e autoestima, reducir o estrés, mellorar a concentración e fomentar a sociabilización.
Con esta xornada, ademais, os rapaces e rapazas poderán traballar en equipo, reforzar a comunicación no seo do grupo e compartir entre eles momentos inesquecibles. A actividade terá lugar o luns, 20 de febreiro. Os participantes sairán en bus dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns (ás 9:15 horas) e dende a Casa da Cultura do Milladoiro (ás 9:30 horas). O regreso está estimado para arredor das 12:30 horas no caso do Milladoiro e para as 12:45 horas no caso de Bertamiráns.
Poden participar todos os mozos e mozas que estean empadroados en Ames a partir dos 12 anos (nados no ano 2010). É imprescindible anotarse previamente, enviando cuberta a ficha que se pode atopar premendo nesta ligazón ao enderezo electrónico xuventude@concellodeames.gal entre o 9 e o 13 de febreiro. As prazas serán adxudicadas por rigorosa orde de entrada dos correos.
Será preciso contar cun mínimo de 20 rapaces/as para desenvolver a actividade. Para calquera dúbida pódese contactar co departamento de Xuventude escribindo ao seu enderezo electrónico, xuventude@concellodeames.gal.