- Tematica
O salón de plenos da Casa do Concello acolleu este pasado luns pola tarde o acto de entrega de premios ás gañadoras e gañadores do XVII concurso de escaparates de Nadal e do I concurso de decoración de Nadal veciñal. O alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e tres dos catro membros que formaron o xurado, foron os encargados de repartir os galardóns, que consistiron nuns trofeos e diplomas. En total repartíronse 6.000 euros entre os gañadores/as. No concurso de escaparates repartíronse catro premios dotados cun total de 4.000 euros (1.500 euros para o primeiro, 1.100 para o segundo, 800 para o terceiro e 600 para o cuarto), mentres que no concurso de decoración veciñal repartíronse outros catro premios de 500 euros cada un.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, celebrou onte pola tarde un acto no salón de plenos no que se entregaron os premios dos concursos de decoración do Nadal 2022. En dito acto participaron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e tres dos catro membros que formaron o xurado. O xurado estivo formado por catro persoas en representación da Oficina municipal de Voluntariado de Ames, Aula da Natureza, Protección Civil e Unión de Consumidores de Galicia.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradeceu “o gran traballo feito polos catro membros do xurado que tiveron unha difícil elección para decidir aos gañadores e gañadoras dos dous concursos”. Ademais, destacou que “estas iniciativas serven para dinamizar o comercio local e tamén para darlle maior colorido e animación ás rúas dos núcleos urbanos e ao rural. Agardamos que estes dous concursos continúen medrando en vindeiras edicións e que máis amesáns se sumen a participar”.
O alcalde de Ames, Blas García, explicou que “o concurso de escaparates é un certame que xa está afianzado e que vai pola décimo sétima edición. É unha iniciativa que todos os anos ten unha gran participación de comercios, algo que é moi positivo porque axuda a crear una ambiente festivo durante o Nadal e ao mesmo tempo dinamizar o comercio local que é o principal obxectivo deste concruso. Ademais, este ano por primeira vez puxemos en marcha o concurso de decoración de Nadal veciñal. Tivo moi boa acollida sobre todo entre a veciñanza do rural, polo que agardamos poder convocar moitas máis edicións desta iniciativa. O obxectivo é animar á veciñanza a participar neste concurso e vernos despois neste acto todos os participantes para conversar e coñecer ao resto de veciños e veciñas”.
Certame de escaparates de Nadal
No certame de escaparates de Nadal, o primeiro premio, dotado con 1.500 euros, foi para Farmalar con 57 puntos. Na segunda posición, galardoada con 1.100 euros, quedou o Centro de Estudos Lexis con 54 puntos. O terceiro posto, dotado con 800 euros, levouno a Peluquería Cristina Bravo con 53 puntos. Para rematar, o cuarto posto foi para Núa con 50 puntos que obtivo un premio de 600 euros.
O xurado utilizou diversos criterios para escoller aos gañadores: orixinalidade e composición, utilización dos produtos propios dos comercios e emprego de elementos reciclados. Ao recoller o premios os/as gañadores/as explicaron a decoración do seus escaparates e como a elaboraron. A propietaria de Núa non puido acudir ao acto de entrega, polo que se lle entregou o trofeo e diploma hoxe no propio establecemento comercial.
Concurso de decoración veciñal
No caso do certame de decoración veciñal, os catro premios foron galardoados cun talón de 500 euros para cada un. A gañadora foi Ánxela Jorge Meijide con 40 puntos, seguida por Juan Manuel Carballo García con 36,5 puntos, Tania Díaz Fernández con 36 puntos e María José Bello Vidal con 32,5 puntos. Neste caso as familias gañadoras tamén explicaron en que consistiu a súa decoración e como a elaboraron. Nesta ocasión, o xurado valorou a creatividade, a orixinalidade e a utilización da iluminación como foco de atracción; así como o uso de materiais de refugallo.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Entregan los premios del concurso de escaparatismo y decoración navideña vecinal en Ames"
El Correo Gallego: "Entregados os premios dos certames de escaparates e de decoración veciñal en Ames"
AMS GO!: "Entregados os premios do Concurso de Escaparates de Nadal"