- Tematica
O Concello de Ames, a través do departamento de Persoal, informa sobre o proceso selectivo para a selección e a contratación dun / dunha Axente Local de Innovación, funcionario/a interino, para execución de programa e creación dunha bolsa de emprego. As bases de dito proceso selectivo saíron publicadas este venres 17 de febreiro de 2023, no Boletín Oficial da Provincia (BOP). O prazo de inscrición en dito proceso selectivo é de 5 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no BOP da Coruña. Deste xeito, o prazo para a presentación de solicitudes vai dende o 18 ata o 22 de febreiro (incluído).
A persoa seleccionada para o posto de Axente Local de Innovación estará adscrito ao departamento de Promoción Económica. Dita persoa encargarase da execución do programa temporal “Innova Ames II” pola imposibilidade de que o persoal propio da entidade local poida adicarse integramente á execución das actuacións que require o mesmo.
As solicitudes para participar no proceso presentaranse conforme ao modelo que figura nas presentes bases, no rexistro xeral do Concello de Ames, en horario de atención ao público (de 09:00h a 14:00 horas) ou de xeito telemático na Sede Electrónica do Concello de Ames ou por calquera dos procedementos que prevé o artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro de 2015, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, e no prazo de 5 días naturais, contados desde o seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. Deste xeito, o prazo para a presentación de solicitudes vai dende o 18 ata o 22 de febreiro (incluído).
No caso de que se remita a documentación por correo postal ou mediante presentación no rexistro doutra Administración que careza de Sistema de Intercambio de Rexistros (SIR) deberá facelo constar mediante a remisión por correo electrónico ao Concello de Ames (persoal@concellodeames.gal) da instancia presentada conforme ao modelo do Anexo I das presentes bases, onde conste o selo coa data de presentación e copia de documentación achegada xunto a mesma.
Dito correo electrónico e os documentos sinalados deberán ser recibidos antes da finalización do prazo para presentación de instancias, só neste caso se entenderá que a instancia tivo entrada no Rexistro Xeral do Concello na data que foron presentados no rexistro doutra Administración ou enviados por correo postal.
Xunto coa dita solicitude (Anexo I) os aspirantes deberán achegar a seguinte documentación:
-Copia do D.N.I.
-Copia dalgunha das titulacións esixidas na base terceira.
-Acreditación da condición de persoa con discapacidade, de ser o caso, indicando na solicitude se precisa adaptación das probas. A condición de persoa con discapacidade acreditarase coa certificación correspondente expedida polo órgano competente.
-Acreditación do coñecemento da lingua galega (Celga 4 ou equivalente).
Sistema selectivo
A selección consistirá nunha oposición libre cun único exercicio obrigatorio e eliminatorio tipo test. Consistirá na resolución por escrito dun cuestionario tipo test composto por 50 preguntas, máis 5 de reserva, con 4 respostas alternativas, sendo só unha delas a correcta, relacionado co contido funcional do posto e coas materias contidas no temario que figura como Anexo II das bases.
As preguntas de reserva deberán ser contestadas polos aspirantes e utilizaranse para substituír aquelas preguntas do exame que fosen anuladas polo Tribunal, previo acordo motivado ao respecto. Neste suposto, a pregunta anulada do exame inicial terase por non formulada e será substituída pola primeira pregunta de reserva, e así sucesivamente no caso de que houbera mais dunha anulación. O tempo máximo para a realización do exercicio será de 60 minutos.