Pestanas principais

O Concello de Ames homenaxea a Rosalía de Castro cunha gala poético-musical este sábado, 25 de febreiro, na Casa da Cultura de Bertamiráns

Xoves, 23 de febreiro de 2023

Este sábado, 25 de febreiro, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá, a partir das 19:00 horas, a Gala homenaxe a Rosalía de Castro. Trátase do acto central da programación rosaliana que organiza o Concello de Ames para conmemorar o aniversario da escritora que se celebra o 23 de febreiro, ao tempo que se pon en valor o seu vínculo co concello e se revitaliza o seu pensamento, a súa figura feminista e comprometida e a súa extraordinaria obra, coa que nos seguimos a identificar todas as galegas e galegos. Para a súa organización cóntase coa colaboración dos equipos de dinamización e normalización lingüística dos centros de ensino de Ames. A entrada será libre e gratuíta ata completar a capacidade do auditorio.

O evento, conducido pola xornalista Esther Estévez, estará cargado de música e poesía. Na parte musical cóntase coa colaboración da cantora e compositora Najla Shami e da alumna do IES do Milladoiro, María Iglesias. Nel participarán máis de cincuenta persoas en representación dos centros educativos do concello e doutros ámbitos culturais e deportivos. Así, subirá ao escenario alumnado dos centros educativos de infantil, primaria e secundaria do concello para recitar, cantar e regueifar sobre Rosalía.

Ademais, poderemos ver dúas montaxes audiovisuais creadas pola EEI do Milladoiro e polo CEIP de Barouta. Poñeranlle voz a Rosalía Borja Golán, campión europeo de squash e veciño de Ames; Lara Rozados, escritora, actriz e profesora no IES do Milladoiro; Carlos Negro, escritor e profesor no IES de Bertamiráns; representantes do Club de patinaxe Sarela, un dos clubs amesás que destaca polo seu compromiso coa lingua; e os compoñentes do Exército Mekemeke, protagonistas da canle de Youtube que representou ao Concello de Ames na final dos premios Youtubeir@s. Por último, a comunicadora Paula Señarís será a encargada de achegarnos ao manifesto “Cumpriuse a xustiza”, escrito por Carme Adán e co que a Asociación de Escritoras e Escritores en lingua galega conmemora o día de Rosalía.

O acto estará presentado pola xornalista Esther Estévez. Estévez forma parte da equipa da Área de Información da TVG dende setembro de 2019, e presenta o coñecido programa de normalización lingüística Dígocho eu dende xaneiro de 2020. No ano 2022 recibiu o premio Mestre Mateo á Mellor Comunicadora pola condución do dito programa. Un traballo audiovisual que tamén recibiu o galardón de Mellor Programa de Televisión.

O peso musical levarao a cantautora compostelá Najla Shami, estudosa da obra de Rosalía e filla de dúas culturas: a galega e a palestina. En 2013 publicou o disco-libro “Na lingua que eu falo”, no que xunta poemas rosalianos con ritmos variados. No 2019 recibiu o premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Músicas do Mundo polo seu último traballo “Ela Sabe a Sol”.

A concelleira de Normalización Lingüística e Mocidade, Escarlata Pampín, agradeceu “a colaboración e implicación dos equipos de dinamización e normalización lingüística dos centros de ensino de Ames, como tódolos anos” e resaltou a importancia de “preservar e pór en valor todo aquelo polo que Rosalía, vinculada ademais ó noso concello, loitou a través da súa obra: feminismo, compromiso, lingua... Rosalía está de actualidade”.

Cartaz da gala homenaxe a Rosalía de Castro

Multimedia

  • O Concello de Ames homenaxea a Rosalía de Castro cunha gala poético-musical este sábado, 25 de febreiro, na Casa da Cultura de Bertamiráns