Pestanas principais

Preto de 300 ciclistas participarán este domingo en Ames na segunda proba da Transgalaica 2023

Venres, 10 de marzo de 2023

O Club de ciclismo Os Esfola Arrós e o Concello de Ames organizan un ano máis unha das probas do circuíto Transgalaica en territorio amesán. Esta é a sétima proba do circuíto Transgalaica que se organiza en Ames. Así, este domingo 12 de marzo o municipio amesán acollerá a segunda proba do circuíto Transgalaica 2023, que partirá do Pazo da Peregrina ás 9.30h e percorrerá distintos puntos da xeografía do concello. Na proba participarán un total de 286 ciclistas. Premendo neste enlace poderás obter o aviso municipal dos cortes e da prohibición de estacionamento na avenida José Luis Azcárraga con motivo da proba.

O circuíto de bicicleta de montaña Transgalaica pasa un ano máis por Ames, na que é xa a sétima cita consecutiva no concello sen contar o parón de 2021 por mor da situación epidemiolóxica pola Covid. A proba, que terá lugar este domingo 12 de marzo, é a segunda das cinco que conforman o calendario da Transgalaica 2023. A primeira etapa tivo lugar o pasado 26 de febreiro en Cerdedo-Cotobade, mentres que as tres seguintes disputaranse ao longo de marzo e abril na Estrada, en Silleda e en Manzaneda. Esta proba está organizada polo club ciclista amesán Os Esfola Arrós e a empresa Team Relay, e conta coa colaboración da Concellaría de Deportes do Concello de Ames.

Os 286 ciclistas que están inscritos nesta proba terán que percorrer un circuíto de 33 quilómetros completando un percorrido de 64,31 quilómetros e que conta cun desnivel de 1.477 metros. Por motivos loxísticos e de seguridade establécese un control de paso no quilómetro 33 da proba. Os/as participantes que non pasen por el antes de 2 horas e 15 minutos deberán retirarse clasificando co tempo marcado nese punto.

A proba comezará ás 9:30 horas diante do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para pasar despois por Aldea Nova, Ventosa, Pedra Dourada, o monte de San Marcos, o alto de Liñaredo e as instalacións en Piñeiro do Real Aeroclub de Santiago. Dende aí volverase ata Bertamiráns por Muíños de Riamonte, Lamas e Augapesada. Estímase que os primeiros ciclistas completen a primeira volta sobre as 11:00 e a segunda sobre as 12:30 horas. Antes, dende as 8:00 horas, comezará a entrega de dorsais na propia zona do Pazo. Pola súa banda, a entrega de premios terá lugar a partir das 14:00 horas.

Novidades no percorrido
Este ano a primeira volta e a segunda serán diferentes. A primeira volta será practicamente idéntica á da edición anterior do ano 2022, pero a segunda terá modificacións, acortando parte do percorrido na zona do Aeroclub e engadindo unha subida a Aldea Nova nos últimos 7 quilómetros da proba para rematar por unha nova baixada aberta en exclusiva para esta Transgalaica.

Dende o club ciclista Os Esfola Arrós recomendan facer un recoñecemento da segunda volta (o track oficial da Transgalaica de Ames 2023 está en wikiloc) e logo o dia da proba levar o track completo (volta 1 e 2) aínda que estará completamente sinalizado o percorrido. Ademais, estréase sinalización. Premendo nesta ligazón podes ver un vídeo de recoñecemento do percorrido feito por Breogán Calviño.

Restricións de tráfico previstas esta fin de semana
Por mor do desenvolvemento da proba, durante esta fin de semana a avenida José Luis Azcárraga, onde está situado o Pazo da Peregrina, sufrirá varias restricións ao tráfico, debido a que servirá como punto de saída e meta. Por unha banda, dende o sábado 11 ás 20:00 ata o domingo ás 15:00 horas non se poderá estacionar na avenida José Luis Azcárraga. Ademais, dita avenida estará pechada ao tráfico ata a aldea de Capeáns o domingo 12 de marzo dende as 7.30 ata as 15.00 horas. Preme nesta ligazón para consultar o aviso informativo.

Recoméndase evitar as vías mencionadas e utilizar un desvío alternativo dende Covas cara Bertamiráns pola DP-0203 (Augapesada - Bertamiráns), AC-453 (Roxos – Portomouro) e AC-543 (Santiago – Bertamiráns).

Participación, orde de saída e clasificacións
Poden participar na proba todos os corredores e corredoras con licenza de ciclismo en vigor para a tempada 2023, ou ben aquelas persoas que tramiten unha licenza de 1 día. As categorías nas que se pode participar son a masculina absoluta (S23, elite, M30, M40, M50, M60), feminina absoluta (S23, elite e máster) e open (cicloturistas e ciclistas con licencia de 1 día).

A orde de saída estará determinada nos seus 100 primeiros postos polas 100 primeiras posicións da clasificación xeral absoluta da Transgalaica. A organización resérvase ademais 10 dorsais de libre designación. O resto de ciclistas colocarase por orde de inscrición. Estableceranse as clasificacións individuais masculina, feminina e clasificación por equipos. Para a clasificación xeral individual puntuarán as 75 primeiras persoas da clasificacións absoluta de cada proba. A maiores establecerase unha clasificación por categorías para a cal puntuarán os 25 primeiros de cada categoría.

Ademais destas puntuacións, haberá trofeos para os tres primeiros de cada sub-categoría, tanto masculina (júnior, S23, elite, M30, M40, M50/60), como feminina (elite-sub23 e máster). Para consultar a guía do ciclista da segunda proba da Transgalaica 2023 pódese premer nesta ligazón.

Cartaz Transgalaica Ames 2023

Multimedia

  • Cartaz Transgalaica Ames 2023
  • Cartaz circuíto Transgalaica 2023