- Tematica
O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres, 17 de marzo, a representación teatral “A señora de Forcadela”, unha das actividades incluídas dentro da programación do 8M da Concellaría de Igualdade de Ames. A obra relata a historia de diversas mulleres represaliadas durante a Guerra Civil a partir da vida da mestra Josefa García Segret, detida no ano 1936. Será ás 20:30 horas, e as entradas xa se poden reservar, de balde, a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.
“A señora de Forcadela” da compañía Os Quinquilláns é unha historia baseada na biografía da mestra Josefa García Segret, que foi detida no ano 1936 e encerrada en Tui. Posteriormente, foi xulgada en Vigo por rebelión e condenada á pena de morte. Grazas á axuda de dous doutores, que se aseguraron que estaba embarazada, conmutóuselle a pena de morte por cadea perpetua, e, máis tarde, por unha condena de 6 anos e un día.
En 1982, García Segret publicou un libro autobiográfico baixo o título “Abaixo as ditaduras”, que editou ela mesma, e no que relata as súas vivencias e a súa experiencia como reclusa. Na obra, que conta coa actuación de Tero Rodríguez e Lucho Penabade, retrátase a historia de diversas mulleres tamén represaliadas na mesma época.
As entradas poden reservarse a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames de maneira gratuíta.
Os Quinquilláns
Os Quinquilláns é unha compañía teatral que conta con máis de trinta anos de actividade teatral profesional ás súas costas, adaptada a todo tipo de espazos e eventos: auditorios, casas de cultura, montaxes de teatro de rúa, cabalgatas, entroidos... Dende o ano 2012 a compañía está especializada na creación de montaxes teatrais baseadas en feitos históricos para ser representadas en lugares emblemáticos e en celebracións de animación popular. Foi o grupo teatral que organizou a posta en escena das dúas edicións do Banquete de Conxo, en Santiago de Compostela, entre outras iniciativas.
Novas relacionadas:
Lindeiros: "'A señora de Forcadela' no Milladoiro para reivindicar o Día da Muller"
AMS GO!: "'A señora de Forcadela' represéntase este venres no Milladoiro"