Pestanas principais

A Aula da Natureza organiza tres novas actividades para o mes de abril

Luns, 03 de abril de 2023

Xa está aberto o prazo para inscribirse nas actividades programadas para abril pola Aula da Natureza do Concello de Ames, dependente da Concellaría de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente. Durante as fins de semana deste mes desenvolveranse tres actividades: un curso de horta sostible, unha ruta ambiental e visita etnográfica á Casa do Patrón, en Lalín, e un paseo botánico por Agrón. Os interesados en participar xa poden anotarse, enviando a ficha de inscrición debidamente cumprimentada ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.galA programación ao completo da Aula da Natureza para o primeiro semestre do ano pode consultarse premendo nesta ligazón.

O cartel do programa da Aula da Natureza indica que abril é o mes de chegada de aves e de moita actividade na horta: chegan as anduriñas e vencellos, plántanse a maior parte de cultivos de verán (xudías, tomates, leitugas, patacas de tarde, cabazas...). Aínda que a posibilidade de xeadas adoita ser moi escasa, si que poden darse importantes oscilacións térmicas, polo que, se se planta no exterior, deberanse protexer os cultivos.

Nese sentido, a Aula propón, para abrir o seu programa de actividades deste mes, un curso de horta sostible, que se desenvolverá os días 15, 22 e 29 de abril e tamén o 6 e 13 de maio, de 11:00 a 13:30 horas. A actividade terá lugar no viveiro municipal de Barouta, onde os participantes aprenderán nocións sobre distintas plantacións e poderán experimentar por eles mesmos. Esta proposta destínase ao público adulto, e hai 15 prazas dispoñibles.

Os participantes no curso de horta contarán con servizo de autobús para os desprazamentos. O bus sairá ás 10:30 horas da Casa da Cultura do Milladoiro e ás 10:45 horas do Pazo da Peregrina de Bertamiráns. O regreso realizarase unha vez rematadas as sesións, ás 13:30 horas.

Ruta ambiental e visita etnográfica á Casa do Patrón e paseo botánico por Agrón
Por outra banda, o sábado 15 de abril terá lugar unha saída ao concello de Lallín. Os inscritos na actividade percorrerán, en primeiro lugar, un traxecto duns oito quilómetros da ruta do Castro de Doade. Tras un pequeno descanso para comer o que cada un leve da casa, visitarase o museo etnográfico da Casa do Patrón, arredor das 15:30 horas. O custe da entrada ao museo, que é de 2 euros, deberá ser aboado por cada participante. Neste caso tamén se ofrece servizo de autobús, que sairá ás 10:30 horas da Casa da Cultura do Milladoiro e ás 10:45 horas do Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Á volta, o autobús sairá de Lalín ás 17:30 horas.

Xa o sábado 20, realizarase un paseo botánico polas fragas de Agrón, pequenos camiños que baixan cara o Tambre e que constitúen un reducto das especies botánicas da Ribeira. Durante a saída, os excursionistas poderán observar carballos, loureiros, freixos, amieiros ou pereiras bravas. A actividade terá lugar entre as 11:00 e as 13:30 horas, e está dirixida a todos os públicos. Novamente, haberá servizo de autobús, que sairá ás 10:30 do Milladoiro e ás 10:35 de Bertamiráns. O regreso farase arredor das 13:45 á Casa da Cultura do Milladoiro e das 14:00 ao Pazo da Peregrina.

As persoas que estean interesadas en participar nestas actividades xa poden anotarse, enviando a ficha de inscrición debidamente cumprimentada ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A Aula da Natureza amesá prepara un curso de horta sostible e saídas"

Porgramación para o mes de abril da Aula da Natureza