Pestanas principais

Bea Barroso e Manuel Piñeiro, gañadores absolutos do IV Trail e Andaina Ribeiras do Tambre

Luns, 03 de abril de 2023

Onte domingo 2 de abril celebrouse a cuarta edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, unha proba na que se inscribiron 341 persoas. A primeira en cruzar a meta na categoría absoluta feminina foi Bea Barroso, do Club Atletismo Noia, cun tempo de 1:30:00, mentres que o primeiro posto masculino foi para Manuel Piñeiro, do Club Atletismo Cambados Seguros Noval, que obtivo unha marca de 1:11:42. Pola súa banda, o club gañador foi o C.A. Cambados – Seguros Noval, que colocou seis corredores no top 30 e que repite a vitoria de 2022. Consulta os resultados ao completo premendo nesta ligazón.

O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizaron onte domingo 2 de abril a cuarta edición do Trail Andaina Ribeiras do Tambre, que arrincou ás 10:00 horas na Ponte Maceira. Dende alí, os corredores do trail afrontaron un percorrido de 16 quilómetros ata as instalacións do Real Aeroclub de Santiago, en Piñeiro. Cinco minutos despois comezou a proba para os inscritos e inscritas na andaina, que tivo unha ruta algo máis curta, duns 15 quilómetros.

O primeiro en parar o tempo foi Manuel Piñeiro Fiel, do C. A. Cambados Seguros Noval, que gañou a categoría absoluta masculina ao rematar a proba en 1:11:42, cun ritmo medio de 4.28. Na segunda posición quedou Óscar Guerra Magán, cun tempo de 1:11:58, e terceiro foi Maxi Oubiña Falcón, cun tempo de 1:12:49. Ambos atletas tamén pertencen ao C. A. Cambados Seguros Noval.

Na categoría feminina absoluta a gañadora foi Bea Barroso Pérez, do Club Atletismo Noia, que conseguiu unha marca de 1:30:00, cun ritmo medio de 5.37. Na segunda posición quedou Lucía Peón Santomé, de Pandilla de vagos, cun tempo de 1:33:54, e terceira foi Eva de la Fuente Iglesias, do Club Deportivo Brión Hyupersa Santiago, cunha marca de 1:39:06.

En canto á clasificación por equipos, o C.A. Cambados – Seguros Noval revalidou o seu triunfo da última edición, con seis corredores no top 30 e cunha puntuación de 61, conseguida ao sumar os postos dos seus seis mellores clasificados. O Club Deportivo Brión Hyupersa Santiago foi segundo, con 111 puntos, mentres na terceira posición quedou o Tribu Trail, con 178 puntos. A cuarta posición foi para Pandilla de Vagos con 272 puntos; o BJ Running Team foi quinto con 425 puntos; e o Club Atletismo O Pino foi sexto con 685 puntos.

A entrega de premios realizouse nas instalacións do Real Aeroclub de Santiago
A entrega de premios tivo lugar na parroquia de Piñeiro, nas instalacións do Real Aeroclub de Santiago, onde finalizou a proba. Alí acudiron representantes do Goberno local e dos grupos políticos con representación na Corporación municipal. Recibiron galardóns os tres primeiros clasificados de cada categoría e mailos 4 primeiros clubs da clasificación do trail. Houbo un agasallo técnico pola súa participación tanto para os participantes no trail como na Andaina.

Ademais, entregáronse premios especiais aos 4 primeiros equipos tanto federados como populares. Para elo tomouse como referencia os 6 primeiros clasificados/as de cada equipo, a suma dos seus postos (no caso de empate tomouse como referencia o 6º/ª mellor clasificado/a do equipo e os equipos puideron ser mixtos).

A concelleira de Deportes Susana Señorís, que participou na andaina xunto ao alcalde de Ames, Blas García, agradeceu “a colaboración da Policía Local, Protección Civil, Federación Galega de Atletismo, e o seu presidente Iván Sanmartín, polo traballo nos días previos. Tamén quero agradecer o traballo do técnico de Deportes, Alberto Viaño, e a B&J Trainers, así como a Froitería Tarela que nos dou as laranxas e plátanos para que os participantes colleran forzas na metade do camiño. Tamén quero agradecerlle ao presidente do Real Aeroclub, Celso Barrios, por acoller o final da proba e a entrega de premios nas súas instalacións. Grazas tamén aos compañeiros da Corporación por achegarse á entrega de premios. Por último, grazas a todos os participantes e parabéns aos premiados, desexo que desfrutaran dunha mañá de deporte en Ames”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Triunfos de Bea Barroso e Manuel Piñeiro no IV Trail e Andaina Ribeiras do Tambre"

La Voz de Galicia: "Manuel Piñeiro y Bea Barroso se suben al podio en Trail e Andaina Ribeiras do Tambre"

Imaxe dos gañadores no podio, acompañados por representantes da Corporación municipal

Multimedia

  • Bea Barroso e Manuel Piñeiro, gañadores absolutos do IV Trail e Andaina Ribeiras do Tambre
  • Bea Barroso e Manuel Piñeiro, gañadores absolutos do IV Trail e Andaina Ribeiras do Tambre
  • Bea Barroso e Manuel Piñeiro, gañadores absolutos do IV Trail e Andaina Ribeiras do Tambre
  • Bea Barroso e Manuel Piñeiro, gañadores absolutos do IV Trail e Andaina Ribeiras do Tambre
  • Bea Barroso e Manuel Piñeiro, gañadores absolutos do IV Trail e Andaina Ribeiras do Tambre