Pestanas principais

O programa Apego festexa o mes do libro con contos e música para achegar as familias á literatura infantil

Xoves, 13 de abril de 2023

O programa Apego de Ames segue coa súa programación para o mes de abril coa actividade “Contos en familia”, que terá lugar o venres, 21 de abril, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 18:00 horas. Trátase dunha sesión de contos protagonizada polos artistas Cris de Caldas e Xabi do Camiño e dirixida ao público familiar. O prazo para anotarse está aberto dende hoxe, día 13, ata o vindeiro 20 de abril. As persoas interesadas en participar deben enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome, apelidos, idade dos nenos/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o primeiro semestre do 2023 ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

“Contos en familia” acolle música en directo, contos contados e a presentación de libros esenciais para tratar temas claves na crianza. É un menú pensado para achegar aos participantes á lectura infantil e para compartir experiencias e inquedanzas.

Cris de Caldas é narradora oral e filóloga, e realiza espectáculos dirixidos á primeira infancia. Pola súa banda, Xabi do Camiño, co que ten desenvolvido outros numerosos proxectos, acompáñaa cun toque musical.

Participar na actividade é de balde, e as persoas interesadas en inscribirse só teñen que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos dos asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas que vaian participar. O prazo de inscrición está aberto dende hoxe, día 13 de abril, e ata o vindeiro xoves, 20 de abril. As prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes.

O programa Apego: actividades, formación e recursos para as familias
O programa Apego é un proxecto colaborativo no que participan varios concellos, entre os que se inclúe Ames, e que vai dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, empregando distintas actividades e recursos.

As familias interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "'Contos en familia', o venres en Bertamiráns"

Cartaz da actividade "Contos en familia"

Multimedia

  • Cartaz da actividade "Contos en familia"