Pestanas principais

Este mércores, 19 de abril, proxéctase “Contou Rosalía”, o primeiro filme baseado na vida de Rosalía de Castro

Martes, 18 de abril de 2023

A programación do ciclo “Cine con nome de muller” prosegue este mércores, 19 de abril, coa proxección de “Contou Rosalía”. Este filme é a primeira ficción sobre a vida de Rosalía e pretende ofrecer ao público unha nova ollada sobre quen segue a ser un mito, o primeiro símbolo de Galicia no mundo da literatura e da cultura. A proxección terá lugar ás 20.30 horas no Auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. As entradas pódense adquirir a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.

“Cine con nome de muller" é unha iniciativa organizada polo Concello de Ames que conta coa colaboración de Zenit TV e Minervas Voice, e que pretende poñer en valor a vida dalgunhas mulleres galegas que foron pioneiras en distintos ámbitos nos dous últimos séculos. A programación prosegue este mércores 19 de abril coa proxección de "Contou Rosalía".

"Contou Rosalía" é un filme baseado na vida de Rosalía de Castro en Madrid. Ao Madrid de mediados do século XIX chega a Duquesa da Gloria, unha aristócrata de provocante singularidade. Tamén está na cidade, por asuntos de familia, a escritora feminista Rosalía de Castro. Alí fai vida social, escribe e reencóntrase co historiador Manuel Murguía. Ao calor da común preocupación polas xentes e da cultura de Galicia, nace entre eles unha paixón que a escritora non quere ver morrer nas cadeas con que a sociedade da época aferrolla as mulleres. O amor da escritora, desafiando limitacións de todo o tipo, desenvólvese no clima de conspiración do final da era absolutista, tan axitado como traxicómico, onde a actuación da Duquesa da Gloria adquire unha sorprendente relevancia no camiño da emancipación.

A cinta é unha produción de Zenit TV, dirixida por Zaza Ceballos. Entre o elenco de actores e actrices destacan Melania Cruz como Rosalía de Castro, Fran Lareu como Manuel Murguía ou Ledicia Sola como a Duquesa da Gloria. Celso Parada, Pepo Suevos, Josito Porto, Tamara Canosa, Alejandro Jato ou César Cambeiro entre outros completan o reparto.

A gravación de “Contou Rosalía” tivo lugar en Galicia, concretamente, no Pazo de Quiroga en Abegondo ou nas inmediacións do Castelo do Cardeal en Corcubión.

As entradas pódense adquirir a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.

“Cine con nome de muller”
A través do ciclo “Cine con nome de muller” vanse proxectar nos auditorios das Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns cinco filmes: Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde; Juana de Vega, vizcondesa do arado; Sofía Casanova, a obreira do pensamento; Contou Rosalía; e Concepción Arenal, a visitadora de cárceres. Estes cinco filmes pertencen á colección de Mulleres Galegas na Historia de Zenit TV e o Concello de Ames quere achegarllos á veciñanza para poñer en valor a vida destas cinco mulleres galegas.

O seguinte filme que se vai proxectar é “Juana de Vega, vizcondesa do arado”; unha cinta que pretende reivindicar a figura da coruñesa Juana de Vega. A vizcondesa tivo unha enorme influencia na vida social e política de España, foi testemuña-participante e memoria viva da revolución liberal e educou á raíña Isabel II e á infanta Luisa Fernanda, ás que quixo formar de acordo co que entendía que era a civilización do século, encarnada no progreso e nos principios da monarquía constitucional. A proxección desta película terá lugar no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:30 horas.

Cartaz do filme "Contou Rosalía"

Multimedia

  • Este mércores, 19 de abril, proxéctase “Contou Rosalía”, o primeiro filme baseado na vida de Rosalía de Castro
  • Cartaz do ciclo "Cine con nome de muller"