Pestanas principais

O ciclo “Cine con nome de muller” prosegue este mércores coa proxección de “Concepción Arenal, a visitadora de cárceres"

Martes, 02 de maio de 2023

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este mércores, 3 de maio, ás 20:30 horas a proxección de "Concepción Arenal, a visitadora de cárceres". A través deste filme preténdese reivindicar a figura desta avogada, activista e precursora do feminismo que marcou un antes e un despois no sistema penal español. A súa loita en prol dos dereitos humanos logrou cambiar a perspectiva da sociedade sobre os máis desfavorecidos e mellorar as súas duras condicións de vida. Os convites, de balde, xa se poden descargar a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.

“Cine con nome de muller" é unha iniciativa organizada polo Concello de Ames que conta coa colaboración de Zenit TV e Minervas Voice, e que pretende poñer en valor a vida dalgunhas mulleres galegas que foron pioneiras en distintos ámbitos nos dous últimos séculos. A programación prosegue este mércores, 3 de maio, coa proxección de "Concepción Arenal, a visitadora de cárceres".

"Concepción Arenal, a visitadora de cárceres" é unha TV Movie sobre a faceta como visitadora de cárceres de mulleres de Concepción Arenal. O filme recolle tamén a súa loita por cambiar a concepción que había sobre os delincuentes e o que deberían ser as cárceres modernas.

No século XIX, nun contexto en que as execucións son un fenómeno de masas, onde a xente repudia o estamento penitenciario e os presos carecen de dereitos, Concepción Arenal é nomeada visitadora de cárceres de mulleres. É na prisión da Coruña onde Arenal comeza a súa loita para mellorar as condiciones de vida dos presos e poñer en marcha a reforma das institucións penitenciarias.

A cinta é unha produción de Distinto Films dirixida por Laura Mañà. Entre o elenco de actores e actrices destacan Blanca Portillo, Mabel Rivera, Pere Arquillué, Anna Casas, Diana Gómez, Oscar Rabadán, Xosé Barato, Luísa Merelas, Isabel Naveira, Candela Fernández e Fermí Reixach i Juanma Lara.
"Concepción Arenal, a visitadora de cárceres" rodouse en localizacións como o castelo de Montjuïc de Barcelona ou o mosteiro de Santa Catalina en Ares (A Coruña).

A proxección terá lugar ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. As entradas pódense adquirir a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.

“Cine con nome de muller”
A través do ciclo “Cine con nome de muller” vanse proxectar nos auditorios das Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns cinco filmes que pertencen á colección de Mulleres Galegas na Historia de Zenit TV e que o Concello de Ames quere achegarlle á veciñanza para poñer en valor a vida destas cinco mulleres galegas.

O seguinte filme que se vai proxectar é "Sofía Casanova, a obreira do pensamento". O filme conta a historia entre Sofía e Pepa (a súa gran amiga e compañeira), unha historia dunha amizade diferente, única e marabillosa: a fascinación mutua que supera as barreiras de clase, educación e diferenzas entre os dous personaxes. Os restos de ambas repousan xuntos en Polonia, no cemiterio da vila de Poznan. 

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Proxección da película ‘Concepción Arenal, a visitadora de cárceres’ o 3"

Revista AmesGO: "Hoxe, no ciclo “Cine con nome de muller” proxectan “Concepción Arenal, a visitadora de cárceres”"

Este mércores, 3 de maio, proxección de "Concepción Arenal, a visitadora de cárceres"

Multimedia

  • Este mércores, 3 de maio, proxección de "Concepción Arenal, a visitadora de cárceres"