- Tematica
O proxecto “Do Des-equilibrio aos Soños Compartidos” rematou a pasada semana cunhas xornadas en Pontevedra, baixo o nome Pontevedra Utopía, nas que o Grupo Chévere, Sés, Cristina Botana, María Reimóndez e Laura M. Castro falaron de como podemos actuar como sociedade para frear a crise climática. Ademais, as integrantes do grupo de traballo de Biduído presentaron o seu traballo final a modo de relato sonoro no que achegan a problemática do cambio climático a todas as xeracións. Premendo nesta ligazón podedes escoitar o programa radiofónico.
O proxecto “Do Des-Equilibrio aos Soños Compartidos” é unha iniciativa de educación ambiental centrada na emerxencia climática, que desenvolve unha metodoloxía de intervención interxeneracional para a construción de narrativas de futuro sustentables a través do teatro. O proxecto está financiado pola fundación Daniel e Nina Carasso e pola Deputación da Coruña, e conta coa colaboración do Concello de Ames, da asociación veciñal O Reguiño de Biduído e do grupo SEPA (USC).
O proxecto botou a andar en Ames o pasado mes de novembro dirixido por integrantes da cooperativa Feitoría Verde e da compañía de teatro Chévere. Neste tempo, un grupo integramente composto por mulleres de diversas idades (entre 80 e 14 anos) estivo traballando en torno a emerxencia climática e a necesidade de elaborar relatos utópicos para inspirar o necesario cambio cultural que esixe a crise ecosocial. Un traballo de meses que conxugando a enerxía dos movementos da mocidade polo clima e o saber dos máis maiores, construíu un relato de futuro sustentable e desexable para Ames, propoñendo alternativas colectivas que mitiguen ou reduzan os efectos climáticos na contorna do municipio. Trátase dunha gravación a modo de programa radiofónico no que a música e o relato sonoro das participantes nos levan de viaxe á parroquia de Biduído nos anos 70.
Premendo nesta ligazón podedes escoitar o programa radiofónico elaborado polas alumnas do grupo de traballo de Biduído. Un traballo que se deu a coñecer na última xornada de Pontevedra Utopía e que se unía ás experiencias levadas a cabo en Padrón no curso 2021-2022 e en Pontevedra neste 2022-2023.
Pontevedra Utopía
O proxecto “Do Des-Equilibrio aos Soños Compartidos” tivo como peche as xornadas de Pontevedra Utópica. Do Desequilibrio aos soños compartidos, entre o 27 e o 29 de abril. As xornadas de peche estiveron conformadas por dúas xornadas de Diálogos Utópicos e por unha representación teatral da man do Grupo Chévere.
O xoves 27 de abril as xornadas abrían co primeiro dos Diálogos Utópicos da man da cantautora Sés e da arquitecta Cristina Botana. Este primeiro diálogo tiña por título “Banda Sonora para unha nova forma de habitar o mundo” e, nel, ambas participantes falaron da importancia da música e da construción do noso hábitat para cambiar a situación actual de emerxencia climática. A moderación correu a cargo do membro da cooperativa Feitoría Verde Miguel Pardellas.
A esta primeira sesión, seguiulle unha segunda o venres 28 de abril, desta volta coa escritora María Reimóndez e a informática Laura M. Castro como participantes. Este segundo diálogo chamouse “Construíndo relatos, construíndo realidades” e centrouse nas tecnoloxías e na forma na que contamos historias para conseguir un cambio social que nos axude a atallar a crise climática actual. A moderación deste segundo debate foi de Lucía Iglesias da Cunha.
Ambos diálogos tiveron como introdución dúas actuacións de Iseo a Moura, do colectivo Narración Oral Galega (NOGA) que conseguiu levar ao público ata o pasado e o futuro a ritmo de guitarra e de contos cargados de utopía.
As xornadas tiveron a súa última actividade o sábado 29 de abril da man do Grupo Chévere e a súa representación teatral As Fillas Bravas e o Mito de Casandra. Este peche, cheo de humor e música crítica a ritmo de pandeireta, serviu para amosar ao público que, tamén desde o lúdico, podemos esixir cambios na forma en que está construído o mundo para atallar, como sociedade, a emerxencia climática.
Tras a representación por parte de Chévere, as persoas participantes dos diferentes grupos de traballo de Ames, Padrón e Pontevedra compartiron unha última xornada de reflexión na que se falou do positivo da experiencia e da importancia de actividades deste tipo para traer a problemática do cambio climático a todas as xeracións.
Fases do proxecto en Biduído
“Descarboniza: do Desequilibrio aos Soños Compartidos. Construción de narrativas de futuro sostibles” desenvolveuse a través dun obradoiro que contou con dúas fases e que se dividiu en distintas sesións de traballo.
Por un lado traballáronse temas de educación ambiental e de xénero, empregando dinámicas de xogo participativas para analizar o cambio climático, a maneira na que este nos afecta, que consecuencias ten e que podemos facer para afrontalo. Para iso xuntáronse as experiencias e saberes de cada xeración, facendo especial fincapé no papel histórico das mulleres. Esta primeira fase correu a cargo de Feitoría Verde.
Posteriormente, o grupo integrou ferramentas creativas e teatrais centrándose na imaxinación de futuros desexables que vaian máis alá do colapso e a catástrofe, enfocándose no pensamento a longo prazo. Para facelo, contou coa axuda da compañía teatral Chévere.
Unha vez finalizado o proxecto, o grupo de investigación de pedagoxía social e educación ambiental SEPA (da Universidade de Santiago de Compostela) será o encargado de recompilar a información de todo o proceso, así como de analizar os cambios nas opinións dos participantes e o seu impacto social.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Mulleres do grupo de traballo amesán de Biduído alertan nunhas xornadas do cambio climático"