Pestanas principais

O Concello de Ames celebra as II Xornadas de saúde mental este sábado, 13 de maio, na Casa da Cultura de Bertamiráns

Mércores, 10 de maio de 2023

O Concello de Ames organiza este sábado, 13 de maio, as II Xornadas de saúde mental, que nesta ocasión xirarán arredor do benestar emocional na terceira idade e o envellecemento activo. Trátase do segundo ano consecutivo que se celebra esta iniciativa, que a edición pasada se enfocou na saúde mental infanto-xuvenil. As xornadas, que están dirixidas ás persoas interesadas no benestar psicolóxico e a profesionais de todos os sectores, contarán cunha mesa redonda, dúas conferencias e dous talleres prácticos. Participar é de balde, previa inscrición a través do enderezo electrónico xornada.ames@gmail.com. O prazo de inscrición remata este venres 12 de maio. No caso de que queden prazas libres poderán ser ocupadas sen previa inscrición o propio sábado acudindo ás xornadas directamente ou aos obradoiros que se van organizar. Preme aquí para consultar o programa da xornada.

A segunda edición das xornadas de saúde mental centraranse no benestar emocional na terceira idade e o envellecemento activo. Trátase dun proxecto que deu comezo o pasado ano coa celebración dun evento que xirou arredor do benestar emocional das crianzas e da rapazada.

Ditas xornadas celebraranse este sábado, 13 de maio, na Casa da Cultura de Bertamiráns, a partir das 9:30 horas. Estarán dirixidas a profesionais que traballen coa xente maior (persoal sanitario, de servizos sociais, equipos de prevención...) e tamén ás familias e a todas aquelas persoas que estean interesadas no benestar psicolóxico.

As II Xornadas de saúde mental contarán cunha mesa redonda, dúas conferencias e dous talleres prácticos, que versarán sobre temas diversos como o envellecemento saudable, as relacións interpersoais ou os coidados na terceira idade. As charlas desenvolveranse en horario de mañá, mentres que en horario de tarde terán lugar os obradoiros.

Programación
O programa dará comezo arredor das 9:30 horas, coa apertura e a recepción da documentación. Unha vez inaugurada a xornada, terá lugar a primeira mesa redonda, que moderará a técnica de Promoción da Saúde do Concello de Ames, Rosana Martínez. Baixo o nome “A participación social como experiencia de envellecemento saudable”, a mesa redonda acollerá a Rubén Ramos, responsable técnico municipal de voluntariado da Concellaría de Benestar Social de Ames; Manuela Fraguela, Presidenta da Plataforma de Pensionistas de Compostela; e Juan Carlos Cancela, Alumno do IV Ciclo USC e titor de novo alumnado da terceira idade que se incorpore á universidade.

A continuación, tras unha pausa de descanso activo e aperitivo saudable, desenvolverase a primeira das conferencias, que estará protagonizada por Santiago Frago, director médico no Instituto Amaltea de Sexoloxía. Fraga será presentado por Belén Montesa, coordinadora da xornada e do programa de prevención “coidadosÁmente”. A charla xirará arredor da saúde sexual e o amor como fonte de vida.

Para rematar a sesión de mañá, Sara Marsilla, doutora en psicoloxía pola USC e experta en envellecemento saudable, desenvolverá a conferencia “Coidando das persoas que coidan”. Será presentada por Mónica Antelo, psicóloga do CIM do Concello de Ames e docente na USC.

Xa en horario de tarde, terán lugar dous talleres simultáneos, “Alimentación e actividade física para envellecer de forma saudable”, e “Mitos e falsas crenzas na sexualidade das persoas maiores. A viuvez, outra etapa para afrontar”. Ambos darán comezo ás 16:00 horas. A primeira estará presentada por Juan Carlos Permuy, coordinador da xornada e do programa de prevención “coidadosÁmente”, e impartida por Ana Martínez, médica e técnica do servizo de estilos de vida saudable da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia; e por Paula García, técnica do Servizo de Estilos de Vida Saudable da Consellería de Sanidade.

O segundo dos obradoiros será presentado por Belén Montesa e impartido por Santiago Frago. As persoas participantes deberán escoller o taller no que queren participar no momento de anotarse.

Información sobre as inscricións
As persoas interesadas en participar nesta xornada poden inscribirse de balde, enviando un correo ao enderezo electrónico xornada.ames@gmail.com e indicando nome e apelidos, lugar de residencia, se a asistencia será presencial ou en streaming, e preferencia por un dos dous talleres de tarde simultáneos.

O prazo de inscrición remata este venres 12 de maio. No caso de que queden prazas libres poderán ser ocupadas sen previa inscrición o propio sábado acudindo ás xornadas directamente ou aos obradoiros que se van organizar.

Cartaz das xornadas de saúde mental