- Tematica
Este xoves, día 11, o Concello de Ames celebra o pleno correspondente ao mes de maio. Na sesión plenaria a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación da modificación de tres proxectos de obras e eficiencia enerxética; a primeira modificación do Plan estratéxico de subvencións do período 2023-2025; e a modificación da ordenanza reguladora do servizo de taxis do Concello de Ames. Tamén se abordarán asuntos como a aprobación dun suplemento de crédito, a adhesión do Concello á asociación Rede de cidades que camiñan e a creación da empresa pública empresarial Augas de Ames EPEL. Premendo nesta ligazón poderás seguir o pleno por streaming.
O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Tamén se dará conta do decreto de aprobación da liquidación 2022 e da información periódica a render o Pleno, correspondente ao primeiro trimestre do exercicio 2023 (execución do orzamento ao remate do primeiro trimestre do ano, período medio de pago e información trimestral de morosidade).
No apartado de deliberación e acordo abordarase en primeiro lugar a aprobación da acta do pleno ordinario do pasado mes de abril.
A continuación ratificarase a aprobación de tres proxectos que foron modificados: o de pavimentación de viarios no núcleo de Cortegada, na Ameixenda; o de mellora de mobilidade na rúa Agrelo, e o de eficiencia enerxética da iluminación pública no parque empresarial do Novo Milladoiro; todos eles incluídos no programa POS+2023. As rectificacións deses tres proxectos, que foran aprobados na sesión plenaria do 13 de febreiro de 2023, comprenden deficiencias de índole formal indicadas no informes desfavorables emitidos polos Servizos Técnicos da Deputación da Coruña.
Primeira modificación do Plan estratéxico de subvencións do período 2023-2025
O Pleno debaterá tamén a aprobación da primeira modificación do Plan estratéxico de subvencións do Concello de Ames do período 2023-2025. Na sesión plenaria do 23 de febreiro de 2023 aprobouse dito plan estratéxico, e posteriormente detectouse a necesidade de proceder á súa modificación ao detectarse dous erros. Deste xeito, levaranse a cabo as correspondentes rectificacións: detallar os obxectivos e os efectos do importe das subvencións a familias numerosas, que non aparecían definidos no plan por un erro de formato; así como incluír unha subvención nominativa á Unión de Consumidores de Galicia para colaborar no “Programa de información e asesoramento en materia de consumo para a cidadanía e actividades de natureza formativa e divulgativa”.
Modificación da ordenanza reguladora do servizo de taxis do Concello de Ames
Por outra banda, a Corporación municipal aprobará, se procede, unha modificación da Ordenanza reguladora do Concello de Ames, que foi aprobada definitivamente no pleno do día 30 de outubro de 2014 e non sufriu cambios dende entón.
A proposta responde a unha petición asinada por 11 taxistas dos 15 cos que conta o Concello de Ames, que presentaron unha solicitude de incremento das tarifas do servizo de taxi, acompañada do correspondente estudo económico. Esta solicitude baséase nos continuos incrementos nos custes de explotación da actividade e ten como finalidade manter o poder adquisitivo do colectivo dos taxistas, vistos os incrementos xeneralizados dos prezos que inciden directamente sobre eles, así como a repercusión da demanda do servizo como consecuencia da situación de crise económica e sanitaria vivida nos últimos anos.
A modificación proposta polo colectivo é do 3,08% sobre as tarifas vixentes, redondeando o resultado en 0,5 céntimos para adaptalo aos taxímetros, e incorporando tamén novos suplementos.
Suplemento de crédito
Así mesmo, na sesión plenaria abordarase tamén a aprobación dun suplemento de crédito de 5.301.184,49 euros. A solicitude deste suplemento responde á necesidade e inaprazabilidade dos gastos que se pretenden financiar. Con el, búscase continuar con actuación vinculadas ao programa “Ames Progresa”, aprobado no ano 2021, que tiña como obxectivo poñer en marcha medidas para paliar a situación económica provocada pola Covid-19. Moitas das actuacións contempladas no programa foron iniciadas en 2022, pero non están rematadas, polo que se precisa unha dotación de crédito a través dun suplemento, ao non poder ser obxecto de incorporación de remanentes.
Por outro lado, o suplemento de crédito serviría para acometer novas actuacións no marco excepcional de regras fiscais que permiten afrontar investimentos que suporán un aforro para o concello, ao reducir o mantemento de instalacións e infraestruturas. Así mesmo, empregaríase para garantir a continuidade e remanente das actuacións incluídas na EDUSI, de forma que se poidan rematar os proxectos antes do prazo máximo establecido na estratexia “Impulsa Ames” (o 31 de decembro deste ano).
De aprobarse, o suplemento financiaría os investimentos recollidos no Orzamento do ano 2022 para pagarse con préstamos; así como todos os gastos que a 31 de decembro de 2022 non contaban con crédito adecuado ou suficiente nese mesmo exercicio.
Adhesión á Rede de cidades que camiñan
A Corporación municipal debaterá, ademais, sobre a adhesión do Concello á Rede de cidades que camiñan. Trátase dunha asociación comprometida coa mobilidade peonil, cuxo obxectivo é que as persoas que camiñan sexan as máximas protagonistas da mobilidade urbana e do espazo público.
A finalidade da asociación é o fomento da mobilidade peonil, e os seus obxectivos coinciden cos do Goberno municipal, polo que se propón subscribir os seus principios e adherirse a ela. A cota de pago que correspondería ao ano é de 600 euros.
Creación da entidade pública empresarial Augas de Ames EPEL
O pleno do Concello de Ames aprobou na sesión ordinaria do mes de abril a memoria xustificativa e o modelo do sistema de xestión do Ciclo Integral da Auga, que pasará a ter unha xestión directa a través dunha entidade pública empresarial local (EPEL).
Deste xeito, na sesión plenaria de maio aprobarase, se procede, a constitución da entidade pública empresarial Augas de Ames EPEL, os seus estatutos e a adscrición á entidade das instalacións e bens que figuran no inventario do expediente; ademais da subrogación do persoal procedente da actual concesionaria.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Presentan o programa Ames Emprega dirixido aos desfavorecidos e crearán a empresa local da auga"
AMS GO!: "O Pleno debaterá sobre a constitución da empresa pública Augas de Ames"