- Tematica
A asociación médica de solidariedade internacional Médicos de Galicia puxo en marcha o curso gratuíto de Esforzo de Integración 2023. Trátase dunha formación destinada a obter o Informe de esforzo de integración, unha acreditación concedida pola Xunta de Galicia que serve para renovar a regularidade administrativa cando non se cumpren as esixencias de tempo traballado ou é necesario demostrar un arraigo social. O curso, que consta de 20 horas de duración, inclúe os módulos obrigatorios que se solicitan para obter o informe. Desenvolverase online entre os días 22 e 26 de maio, de 9:30 a 13:30 horas. Para participar é preciso inscribirse previamente nesta ligazón e cubrir o consentimento solicitado pola Xunta de Galicia e o documento de indicadores.
O prazo para anotarse no curso de Esforzo de Integración 2023, ofrecido pola asociación Médicos de Galicia en colaboración co Servizo de atención ao Migrante do Concello de Ames, xa está aberto. A formación serve para conseguir a acreditación “Informe de esforzo de integración”, da Xunta de Galicia, válida tanto para arraigo como para renovación da regularidade administrativa cando non se cumpren as esixencias de tempo traballado ou é necesario demostrar un arraigo social. Tamén é de utilidade de cara á Proba de Coñecementos Constitucionais e Socioculturais de España (CCSE), é dicir, o exame de obtención da nacionalidade española; se ben preparalo non é a súa finalidade, senón adquirir certos coñecementos do sistema xurídico e a realidade da sociedade española que lles poden ser de utilidade ás persoas que se queiran presentar.
Os destinatarios son os seguintes: persoas en situación regular en período de renovación dos seus permisos de residencia temporal (non lucrativa, por reagrupación familiar, de traballo por conta allea e de traballo por conta propia); persoas en situación de irregularidade administrativa próximas a solicitar a súa regulación; persoas que teñan denegada ou ás que se lles vaia a denegar a solicitude de protección internacional, quedando nunha situación administrativa irregular, podendo solicitar a regularidade por arraigo e que non puideron conseguir os seis meses cotizados; e persoas que busquen presentarse aos exames de obtención da nacionalidade.
Horarios e formación
O curso desenvolverase de maneira online entre os días 22 e 26 de maio, a razón de catro horas por día, en horario de 9:30 a 13:30 horas.
A formación conterá os módulos de formación obrigatoria que se solicitan dende a Xunta de Galicia para a obtención do Informe de Esforzo e Integración (coñecemento e respecto de valores constitucionais de España, autonomía de Galicia, dereitos humanos, tolerancia, igualdade de xénero, etc.).
As outras 20 horas de formación solicitadas pola Xunta para facer o total de 40 horas requirido para a solicitude do Informe de esforzo de integración poderán ser acreditadas a través de diferentes cursos que teñan os usuarios/as.
Inscricións
Para participar é e necesario inscribirse, de balde, premendo nesta ligazón. Ademais, será tamén necesario cubrir e asinar un consentimento solicitado pola Xunta de Galicia e o documento de indicadores.