Pestanas principais

Participa na andaina saudable que percorre a terceira etapa do Camiño de Santiago dende o Barbanza

Martes, 16 de maio de 2023

A Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde, dentro do programa de Andainas Saudables, organiza para este mes de maio un percorrido pola terceira etapa do camiño de Santiago dende o Barbanza, “A orixe”. A ruta realizarase o vindeiro sábado, 27 de maio. Os participantes camiñarán arredor de 14 quilómetros, partindo dende a praza Porta do Sol (Ribeira) e chegando ata a Pobra do Caramiñal. Os interesados en participar poden inscribirse cubrindo este formulario ata o mércores, día 24, ás 14:00 horas. Haberá servizo de autobuses dende a praza do Concello, en Bertamiráns, ás 9:00 horas; e dende a Casa da Cultura do Milladoiro, ás 9:15 horas.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde, organiza unha nova actividade dentro do programa municipal Andainas Saudables. Trátase da terceira etapa do Camiño de Santiago dende o Barbanza, un recorrido de 120 quilómetros que parte dende o Faro de Corrubedo e pasa por diversos lugares da ría de Arousa, atravesando cidades e pobos costeiros como Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo ata enlazar co Camiño Portugués ao chegar a Padrón.

Hai 70 prazas dispoñibles, e as persoas interesadas en anotarse poden facelo ata o mércores, 24 de maio, ás 14:00 horas, cubrindo o formulario ao que se pode acceder a través desta ligazón ou mediante o código QR do cartaz.

Ofrecerase servizo de autobús dende a praza do Concello de Bertamiráns (ás 9:00 horas) e dende a Casa da Cultura do Milladoiro (ás 9:15 horas). Debido á alta demanda en anteriores andainas, terán prioridade as persoas empadroadas en Ames. Recoméndase levar roupa e calzado axeitados.

Ruta da terceira etapa do Camiño
Nesta ocasión, os participantes sairán da igrexa de Santa Uxía, e, tras percorrer o casco urbano de Ribeira, chegarán ao paseo e á praia das Carolinas, e posteriormente a de Coroso. Posteriormente, alcanzarán a punta Lucías, onde gozarán dunhas extraordinarias vistas á ría de Arousa. Seguidamente, a ruta levará aos camiñantes ata a praia do río Azor.

Posteriormente, pásase polo miradoiro de Castelo, e avánzase por unha zona de dunas e bosque, ata chegar á praia Laxe e praia Lombiña. Unha vez chegados a ese punto, os camiñantes estarán xa no municipio da Pobra.

Na última fase da ruta, descubrirán o paseo marítimo da localidade e o seu casco histórico.

Cartaz da andaina saudable do 27 de maio

Multimedia

  • Cartaz da andaina saudable do 27 de maio