Pestanas principais

Publícase o borrador do proxecto de ordenación produtiva da aldea modelo de Ferreiros, en Agrón

Venres, 02 de xuño de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este xoves, 1 de xuño de 2023, os acordos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural polos que se someten a información pública os borradores de guía e proxectos de ordenación produtiva de catro aldeas modelo, entre as que se atopa a de Ferreiros, na parroquia de Agrón. O borrador do proxecto de ordenación produtiva é un documento técnico no que se delimitan os usos produtivos máis idóneos para a explotación das parcelas incluídas na aldea modelo de Ferreiros, dende o punto de vista económico, técnico, social e ambiental. O prazo de presentación de observacións e achegas é dun mes a partir de hoxe (dende o día seguinte da publicación no DOG).

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, vén de publicar no DOG os acordos polos que se someten a información pública os borradores de guía e proxectos de ordenación produtiva de catro aldeas modelo, entre as que se atopa a de Ferreiros, na parroquia de Agrón. O borrador do proxecto de ordenación produtiva é un documento técnico no que se delimitan os usos produtivos máis idóneos para a explotación das parcelas incluídas na aldea modelo de Ferreiros, dende o punto de vista económico, técnico, social e ambiental. O prazo de presentación de observacións e achegas é dun mes a partir de hoxe (dende o día seguinte da publicación no DOG).

Mediante o acordo do Concello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, de 23 de agosto de 2022, foi declarada a aldea modelo de Ferreiros, ao amparo da Lei 11/2021 do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Deste xeito, Ferreiros converteuse na primeira aldea modelo da provincia da Coruña. Abrangue un total de 9,83 hectáreas, distribuídas en 128 parcelas de 52 titulares catastrais. Nesta aldea, o proxecto de ordenación produtiva establece como actividade principal a gandería en extensivo e os cultivos agrícolas complementarios á explotación. Como actividades secundarias, os cultivos de horta e leñosos, principalmente plantación de froiteiras e castiñeiros para obtención de froito. Considérase en toda a aldea como actividade complementaria o aproveitamento apícola.

Trámites para lograr a declaración de “Aldea Modelo”
A declaración da aldea modelo de Ferreiros logrouse despois de que en setembro de 2021 o actual alcalde de Ames en funcións, Blas García; e mailo concelleiro en funcións de Medio Ambiente, Manuel Lens, así como o subdirector de Mobilidade de Terras, Alejandro Sánchez de Dios, lle presentaran á veciñanza o proxecto “Aldea Modelo”.

A visita tivo como obxectivo informar sobre este modelo de recuperación e posta en valor de terras antigas e abandonadas e recadar as primeiras impresións sobre a proposta. Para que Ferreiros se convertese en “Aldea Modelo” os veciños/as tiñan que alugar as súas fincas ao banco de terras, sendo necesario que, como mínimo, os propietarios do 70% da superficie que formaba parte do proxecto estivese de acordo. Un ano despois desa xuntanza a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural anunciou a declaración de Ferreiros como aldea modelo.

O obxectivo principal desta figura recollida na lei de recuperación é devolver á produción as terras con boa aptitude agronómica que se atopan en estado de abandono ou infrautilización, impulsando deste xeito nova actividade económica agroforestal que non só fixe poboación e xere riqueza na contorna, senón que ao tempo reduza o risco de incendios forestais e mellore a calidade de vida dos veciños dos núcleos que se busca poñer en valor.

Dinamización do rural amesán
O concelleiro en funcións de Medio Ambiente, Manuel Lens, destaca que “se dá un paso máis trala declaración en agosto de 2022 de Ferreiros como aldea modelo. A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural vén de publicar o borrador do proxecto de ordenación produtiva que é un documento técnico no que se delimitan os usos produtivos máis idóneos para a explotación das parcelas incluídas na aldea modelo de Ferreiros. Establécese dende hoxe un prazo dun mes para que as persoas que o estimen oportuno poidan presentar observacións e achegas”.

O alcalde de Ames en funcións, Blas García, explica que “seguimos avanzando na aldea modelo de Ferreiros, desta volta coa publicación do borrador do proxecto de ordenación produtiva para que estea en exposición publica durante o prazo dun mes”. Ademais, dixo que “esta iniciativa vai contribuír á dinamización do noso rural, así como a protexer os núcleos de posibles incendios forestais. Estas son dúas liñas de acción polas que aposta activamente o Concello de Ames”.

Por último, engadiu que “o sistema de aldeas modelo que promove a Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Rural é, ademais, perfectamente compatible co plan de incendios posto en marcha polo Concello de Ames en 2017 e que leva máis de 5.000 árbores plantadas e 20 hectáreas repoboadas”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Recomiendan la ganadería extensiva y el cultivo de fruta en la aldea singular de Ames"

La Voz de Galicia: "Ganadería extensiva, huertas, fruta y miel, son las apuestas para la aldea modelo de Ames"

AMS GO!: "Publícase o borrador do proxecto de ordenación produtiva da aldea modelos de Ferreiros, en Agrón"

Imaxe da aldea modelo de Ferreiros

Multimedia

  • Imaxe da aldea modelo de Ferreiros
  • Imaxe da aldea modelo de Ferreiros
  • Imaxe da aldea modelo de Ferreiros