Pestanas principais

Bugallido e Tapia acollen un ano máis o programa “Seráns de Ames”, que nesta edición suma doce actividades

Mércores, 14 de xuño de 2023

O Concello de Ames, a través do departamento de Cultura, organiza un ano máis o programa de verán “Seráns de Ames”, que se vén desenvolvendo dende o 2021. Nesta ocasión volve a aumentar o número de propostas, doce en total, que se repartirán de xeito equitativo entre as parroquias de Tapia e Bugallido. As actividades terán lugar os xoves de xullo e agosto, a partir das 17:30 horas. Haberá espectáculos, concertos, narracións e teatro. Premendo nesta ligazón podes consultar o cartaz dos “Seráns de Ames”.

“Seráns de Ames” é unha programación de verán para todos os públicos que volve ao concello por terceiro ano consecutivo, despois de que no ano 2021 se estrease a iniciativa na praia fluvial de Tapia e no 2022 se ampliase á parroquia de Bugallido. Como en anteriores edicións, as doce actividades que conforman o programa desenvolveranse todos os xoves dos meses de xullo e agosto, case sempre ás 19:30 horas.

A concelleira de Cultura en funcións, Natividade González, sinalou que “dende a Concellaría de Cultura volvemos a poñer en marcha esta iniciativa, que acadou gran éxito durante as dúas edicións pasadas e que achega a cultura ao rural de Ames”. A concelleira en funcións explicou tamén que a boa acollida veciñal deste programa “está moi relacionada coa calidade dos distintos espectáculos que escollemos”.

Natividade González aproveitou tamén para poñer en valor “a transversalidade do programa, para o que contamos co apoio e a colaboración dos departamentos de Mocidade, Normalización e Bibliotecas, cos que creamos unha oferta variada e para todos os públicos”.

Doce actividades para todos os públicos
O programa dará comezo o xoves 6 de xullo, ás 19:30 horas, coa lectura en Tapia do pregón inaugural, que correrá a cargo do actor e veciño amesán Josito Porto. Deseguido, o coro “Son elas” ofrecerá unha actuación.

O xoves 13 será a quenda de Bugallido, ata onde se desprazará A banda do verán co seu espectáculo musical “A danza do verán”. Será ás 19:30 horas. Trátase dun concerto pensado para público infantil. Xa o xoves 20, terá lugar en Tapia a actuación de Pablo Balseiro & Los Cascarillas, tamén ás 19:30 horas. Para pechar o mes de xullo, haberá dobre sesión de “Narradores no serán”, con Quico Cadaval e Celso Sanmartín, en Bugallido, o día 27 ás 19:30 horas.

O mes de agosto estrearase co espectáculo aéreo “La Coquette”, de Kanbahiota. Combinará humor, circo e moita diversión para todos os públicos. Será o día 3, ás 19:30 horas, en Tapia.

A segunda semana de agosto levará a Bugallido unha cita dobre: o contacontos “Conto contiño”, con Bibiana Calvo e Divina Fernández; e a comedia teatral “A gran viaxe”, da compañía Inventi. Ambas terán lugar o xoves 10, a partir das 19:30 horas.

Xa o día 17, Tapia acollerá unha sesión de ludoteca familiar e os xogos de Nerea Couselo, ás 17:30 horas; e a obra “Chocolate”, de Teatro Calavera, unha actividade que mestura narración oral coa posta en escena teatral, ás 19:30 horas.

O programa pecharase o día 24 de agosto, en Bugallido, coa actuación musical de Brais das Hortas, que ofrecerá o seu espectáculo “Consertasso na horta”, ás 19:30 horas.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Los Seráns de Ames incluyen doce actuaciones en Tapia y Bugallido"

El Correo Gallego: "Doce galas musicais, de teatro e narrativas estivais de calidade para animar aos xoves no rural amesán"

AMS GO!: "Volven os Seráns este verán a Bugallido e Tapia"

Cartaz das actividades dos Seráns en Ames

Multimedia

  • Cartaz das actividades dos Seráns en Ames