Pestanas principais

Éxito do Encontro Intercultural celebrado o sábado no Pazo da Peregrina

Luns, 19 de xuño de 2023

O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu o pasado sábado un novo Encontro Intercultural. A xornada incluíu a degustación de diversos pratos típicos de Venezuela, Brasil, Arxentina, Nicaragua, Perú, México, Nixeria, Guatemala, Colombia, Alxeria, Paraguay e Grecia. Os asistentes gozaron tamén da peza teatral “Vaia Tea!” de Xucrut Teatre, dunha actuación musical a cargo do músico venezolano Misael Sánchez e dun posto informativo e de venda de comercio xusto.

A xornada comezou coa degustación de pratos, que foron realizados por diversos veciños e veciñas de Ames de distintas nacionalidades. Así, a cociña venezolana estivo representada por tequeños, arepas recheas de polo, chicha, empanada de carne, queixo e caraotas e quesillo. De Brasil os asistentes puideron degustar feijoada e acompañamentos, da torta salgada de camarao e dos dociños típicos do país.

Pola súa banda, Arxentina estivo presente na xornada coa preparación de alfajores de maicena, mate cocido e empanadas. Da cociña nicaraguana preparouse arroz á valenciana ao estilo nicaraguano. Tamén houbo pratos típicos peruanos: papa á huancaina, carapulcra con sopa seca, chinchana e chicharrón e refresco de chicha morada.

Así mesmo, de México degustáronse o arame mexicano e o fresco de froitas, mentres que de Nixeria estiveron presentes o jollof rice con polo e pavo, os egg rolls con ovo cocido dentro e os fish rolls con peixe. Tamén houbo representación guatemalteca: frautas de polo e carne e pan doce; e pratos típicos colombianos: arroz con leite, natillas de arequipe, aguapanela con limón e bocadillo de guayaba con queixo.

De Alxeria cociñouse semsa (masa feita a man, rechea de améndoas ou cacahuetes e cuberta con mel), e de Paraguay houbo chipa, mbeju, pajagua mascada e pastel mandío. Finalmente, de Grecia elaboráronse loukoumades, unhas chulas recheas con almibre de mel e noces.

A experiencia intercultural completouse coas actuacións de danza de dúas rapazas: Lena María, que bailou “Palomita guasiruca”, de Nicaragua; e Valentina, que danzou ao ritmo de “Chiperita”, de Paraguay.

Doutra banda ofreceuse o espectáculo “Vaia Tea!” de Xucrut Teatre, unha peza de teatro que aborda o exceso do consumo de roupa con humor, creando un clima propicio para abrir debate co público ao rematar a representación. Así mesmo, houbo tamén un posto informativo e de venda de comercio xusto, unha feira na que os asistentes puideron coñecer a orixe, a produción e as características do café, o azucre e o cacao.

Para rematar a xornada, o artista venezolano Misael Sánchez, residente en Ames, realizou unha actuación musical.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A gastronomía triunfou no encontro intercultural de Ames"

Participantes e asistentes do Encontro Intercultural

Multimedia

  • Éxito do Encontro Intercultural celebrado o sábado no Pazo da Peregrina
  • Éxito do Encontro Intercultural celebrado o sábado no Pazo da Peregrina
  • Éxito do Encontro Intercultural celebrado o sábado no Pazo da Peregrina
  • Éxito do Encontro Intercultural celebrado o sábado no Pazo da Peregrina
  • Éxito do Encontro Intercultural celebrado o sábado no Pazo da Peregrina
  • Embedded thumbnail for
  • Embedded thumbnail for