- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación, informa da publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) da convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado do segundo ciclo de educación infantil (curso 2022-2023). O prazo de presentación de solicitudes empezou o 30 de xuño, e remata o 31 de xullo de 2023 (30 días naturais a contar desde o día seguinte ao anuncio de convocatoria no BOP). A contía máxima destinada a esta convocatoria ascende a 7.500 euros, sendo de 120 euros o importe máximo concedido por cada nena ou neno. Premendo nas ligazóns que están ao pé desta nova poderás consultar as bases desta convocatoria de axudas e imprimir o impreso de solicitude.
A convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar está dirixida aos pais, nais ou titores legais dos nenos e nenas matriculados no curso escolar 2022/2023 nun centro de ensino sostido con fondos públicos, no nivel de educación infantil (segunda etapa, de 3 a 5 anos). Estas bolsas permitirán financiar os gastos efectuados desde o 1 de xullo de 2022 e o día en que finalice o prazo de presentación das solicitudes, o 31 de xullo de 2023.
As unidades familiares solicitantes deberán estar empadroadas e residir de maneira efectiva no Concello de Ames no momento da solicitude. Outro dos requisitos que se debe cumprir é que as nenas e nenos, para os que se solicita a axuda, deben estar matriculados no curso escolar 2022/2023 en centros de ensino sostidos con fondos públicos, no segundo ciclo de educación infantil. Así mesmo, a renda per cápita da unidade familiar, computando os ingresos percibidos por todos os seus integrantes no exercicio fiscal 2021, non pode ser superior ao 100% do IPREM anual con pagas extraordinarias. Para a determinación da renda per cápita sumaranse os ingresos anuais de todos os membros da unidade familiar maiores de idade, e dividirase entre o número de membros que formen a unidade familiar.
Axudas para as familias con menos recursos
A través desta convocatoria preténdese propiciar que, a través da colaboración financeira do Concello de Ames para a compra dos libros de texto e demais material didáctico precisos para o normal desenvolvemento da actividade académica, a poboación escolar integrada en familias con menos recursos dispoña do material educativo preciso para o normal desenvolvemento da súa aprendizaxe, centrando o esforzo orzamentario na educación infantil, por ser esta a franxa de idade non cuberta pola Xunta de Galicia.
Deste xeito, establécese que poden ser subvencionables, con ata un máximo do 80% do orzamento total, os gastos derivados da adquisición de libros de texto, materiais curriculares e demais material didáctico. O orzamento total previsto para esta convocatoria é de 7.500 euros, sendo de 120 euros o importe máximo concedido por cada nena ou neno.
Presentación de solicitudes
As solicitudes poden ser presentadas no rexistro telemático, a través da Sede electrónica do Concello de Ames ou nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello, situadas na Casa do Concello, en Bertamiráns, e na oficina municipal do Milladoiro.
Tamén se poden presentar a través de calquera outro dos medios aos que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015 do 1 de Outubro de Procedemento Administrativo Común das AAPP. O prazo de presentación de solicitudes está aberto durante 30 días naturais, do 30 de xuño ao 31 de xullo de 2023. Para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 981 891 476, do departamento municipal de Educación.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames destina axudas para material escolar en Infantil de ata 120 euros por alumno"