- Tematica
O vindeiro luns, 3 de xullo, está previsto que sexan recibidas as obras de creación de novos percorridos ambientais na zona sur do Milladoiro. Dito proxecto foi adxudicado á empresa MGM Edificaciones e Infraestructuras SL por un importe de 144.690,36 euros (IVE incluído). Esta actuación está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Deste xeito, creáronse dúas novas sendas peonís para pasear e facer deporte no monte, que se atopa na contorna das rúas do Rego e da Costa Grande, e por debaixo do viaduto da AP-9.
O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento do Plan Impulsa Ames, que se enmarca dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI). Un dos proxectos que se integran neste plan é a creación dun nova área ambiental na zona sur do Milladoiro. Este proxecto executouse na zona boscosa que está próxima á rúa do Rego e da Costa Grande. Deste xeito, creáronse novos percorridos ambientais que forman unha nova ruta circular por onde se pode andar e correr.
Esta semana o alcalde, Blas García; a concelleira encargada do proxecto, Susana Señorís; a técnica da EDUSI Impulsa Ames, Clara García; e representantes da empresa adxudicataria do proxecto, visitaron o lugar onde se están rematando as obras para dotar ao Milladoiro desta nova área ambiental.
O alcalde de Ames, Blas García, explica que “a través deste proxecto adaptouse e mellorouse este espazo verde que xa existía no Milladoiro, para que poida ser utilizado pola veciñanza desta localidade. Trátase da segunda fase do proxecto de acondicionamento de espazos verdes no Milladoiro, despois de acondicionar o parque verde central, que se atopa na zona norte do Milladoiro, xunto á área de instalacións deportivas e culturais desta localidade”.
En dito entorno, creáronse diferentes sendeiros co obxectivo de que sexan aproveitados tanto para facer deporte coma para andar e pasear por un entorno natural. Deste xeito, creouse un acceso á zona verde e mailos percorridos ambientais. Os traballos realizáronse na zona de acceso tendo en conta a actuación de eliminación de barreiras urbanísticas en materia de accesibilidade universal no espazo público urbanizado feita na rúa do Rego. Ademais, creouse unha praza de acollida que é accesible universalmente no seu percorrido e mobiliario.
Creáronse dúas rutas: unha circular (na que se executaron obras de drenaxe para consolidar o firme da senda proxectada e o correcto encanamento das augas de escorrentía existentes nesa zona) e outra que discorre cara os depósitos municipais de auga do Milladoiro (utilizando camiños granulares existentes e mellorados que chegan ata os depósitos municipais de auga). Outras actuacións executadas foron a colocación de alumeado público sostible, tanto para a praza de acollida como nos novos percorridos ambientais. Tamén se colocaron carteis informativos explicativos de todas as rutas.
A concelleira Susana Señorís salienta “a importancia desta actuación porque vai a recuperar para o paseo e o deporte unha zona do Milladoiro que ata o de agora era moi pouco utilizada. É necesario que o núcleo máis grande do concello conte con máis zonas de ocio e esparexemento”.
Este proxecto enmárcase entro do Obxectivo Temático 6 (OT6): preservación e protección do medio e fomento da eficiencia dos recursos. Concretamente esta actuación céntrase na rexeneración de solos degradados para o uso e desfrute da cidadanía.
Parque verde central do Milladoiro
Este proxecto súmase ao executado na zona norte do Milladoiro onde se mellorou o parque verde que está situado xunto á área de instalacións deportivas, Casa da Cultura e IES. Deste xeito, creouse medio quilómetro de novas sendas peonís; acondicionáronse os accesos ao parque segundo a normativa de accesibilidade; instalouse un novo sistema de alumeado LED con 23 novas luminarias; 2 mesas de tenis de mesa; un novo mobiliario urbano (8 bancos e mesas), 14 papeleiras e 2 fontes (unha delas accesible); e un novo sistema de drenaxe e rego automático. Tamén se plantou nova vexetación, 35 carballos, 9 abeleiras e enredadeiras en 9.500 metros cadrados.
O obxectivo deste proxecto foi gañar unha zona de esparexemento e paseo na parte alta do núcleo urbano con zonas de descanso, camiños e áreas de xogo nunha superficie de 12.000 metros cadrados de extensión. Este proxecto foi adxudicado á empresa CYS HISPANIA SL por un importe de 130.706 euros.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Concluyen las obras en las dos nuevas sendas ambientales del sur de O Milladoiro"