- Tematica
A parroquia de Ortoño volve a organizar, un ano máis, a súa tradicional Festa do chourizo ao viño, que se celebrará este domingo, 9 de xullo. A iniciativa, posta en marcha pola Asociación Gastronómica, Recreativa e Cultural do Chourizo ao Viño, chega á súa décimo sétima edición, acompañada da degustación da orella de porco cocida. Haberá unha misa cantada ás 12:00 horas, e a partir das 13:00 dará comezo o xantar, que estará amenizado pola banda de gaitas e baile rexional Os Castros. A xornada completarase co XVI Campionato de chave por parellas e a actuación do grupo de mariachis Sol de Galicia. Ademais, haberá inchables para os nenos e nenas, por cortesía de Tikolandia. Pechará o día de romaría o grupo de música folk De Vacas, como parte do programa “Música nas parroquias”, que promove e financia o Concello de Ames.
Este domingo, 9 de xullo, volve a Ames unha das festas gastronómicas de maior tradición no concello, coa celebración da décimo sétima edición da Festa do chourizo ao viño, acompañada da X degustación da orella de porco cocida. A xornada, organizada pola Asociación Gastronómica, Recreativa e Cultural do Chourizo ao Viño, conta co apoio do Concello de Ames a través da Concellaría de Cultura, que achegará a Ortoño ao grupo folk De Vacas co seu programa “Música nas parroquias”, que inclúe numerosas actuacións de agrupacións tradicionais e grupos musicais.
O día de festa desenvolverase na carballeira do campo da festa e arrincará ás 12:00 horas, cunha misa cantada polos defuntos da parroquia. Unha vez rematada a eucaristía, a partir das 13:00 horas, comezará a degustación dos chourizos ao viño e da orella de porco, para a que se instalará unha carpa. As racións poderanse comer acompañadas por viño do Ribeiro. Haberá tamén café e xeado.
O xantar estará amenizado pola banda de gaitas e baile rexional Os Castros, e polos mariachis Sol de Galicia, que acompañarán aos asistentes durante a tarde. Xa a partir das 16:00 horas, desenvolverase o XVI Campionato de chave por parellas das festas do chourizo ao viño. As persoas que desexen participar poderanse inscribir no propio día ata as 15:30 horas. Os/as gañadores/as recibirán uns trofeos doados polo Concello de Ames e outras sorpresas. Ademais, para entreter á cativada, instalaranse inchables gratuítos, cedidos á organización por Tikolandia.
Por último, e para rematar a romaría, o grupo galego de música folk De Vacas actuará na propia carballeira, como parte do programa “Música nas parroquias” da Concellaría de Cultura. O cuarteto, conformado polas vocalistas Inés Salvado, Faia Díaz e Paula Romero e polo vocalista Guillerme Fernández, fai versións en galego de temas comerciais, mudando a letra e dándolles un formato retranqueiro e divertido.
Novas relacionadas:
Lindeiros: "XVII Festa do chourizo ao viño en Ortoño, Ames"
AMS GO!: "Este domingo, día 9, XVII Festa do chourizo ao viño en Ortoño"
La Voz de Galicia: "Ortoño celebra el domingo la Festa do Chourizo ao Viño con degustación de oreja de cerdo"