- Tematica
O Equipo de Dinamización Lingüística da Escola de Educación Infantil do Milladoiro vén de recibir o primeiro premio do programa de realización de curtametraxes “Nós tamén creamos!”, unha iniciativa posta en marcha pola Secretaría Xeral de Política Lingüistica e de Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, en colaboración coa Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) e de OQO editora. Premendo nesta ligazón podes ver a curta presentada polo alumnado e o profesora de sexto curso da escola amesá, “Tonino: un pingüín en Ames”.
“Nós tamén creamos!” é un programa de promoción da adquisición, do uso e da valoración da lingua galega na aula por medio da creatividade e da incorporación das tecnoloxías da información e da comunicación ás aulas. Coa iniciativa búscase que os centros educativos promovan a realización dun traballo en equipo que ten como resultado final unha curtametraxe en galego coa técnica stop motion a partir dun álbum ilustrado.
Os obxectivos principais son construír unha imaxe positiva da lingua galega e fomentar o seu uso dentro e fóra da aula, así como contribuír á creación de material audiovisual en lingua galega que poida ser usado no tempo de lecer por nenas e nenos do centro e do resto da comunidade educativa.
O programa diríxese especificamente ao alumnado do segundo ciclo de Educación Infantil, ao de Educación Primaria (de primeiro a cuarto curso) e a centros de educación especial. Para outorgar os premios valoráronse aspectos como a participación activa do alumnado no desenvolvemento do proxecto, a interdisciplinariedade e o impacto e a difusión; así como a calidade lingüística, a orixinalidade e a creatividade e a calidade técnica, artística e estética da curta.
Gañadores e premios
Na modalidade de Educación Infantil, o xurado concedeulle o premio á EEI do Milladoiro, por “Tonino. Un pingüín en Ames”. Na categoría de 1º e 2º de Primaria resultaron galardoados o profesorado e o alumnado do CEIP Plurilingüe Feliciano Barrera, de Ponteareas (Pontevedra), polo traballo “O cascabel da gata”. Finalmente, a curta “Sígueme”, do CEIP Padre Feijoo, de Allariz (Ourense), conseguiu o premio na modalidade de 3º e 4º de Primaria. Estes traballos, incluídos os accésits de cada categoría, outorgados a colexios de Santiago, Vigo e Sober, poden verse premendo nesta ligazón.
Cada un dos centros premiados recibirá un lote de libros de OQO editora, un agasallo da CRTVG e un diploma acreditativo. Ademais, o profesorado participante nas curtas premiadas obterá unha certificación de Premio de Innovación Educativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Un colexio de Ames, premiado pola mellor curta de animación en galego"