Pestanas principais

Tres DJs encherán de música o parque do Ameneiral este sábado 15, dentro do programa “AmesON de verán”

Martes, 11 de xullo de 2023

A iniciativa de música na rúa “AmesON de verán”, posta en marcha pola concellaría de Promoción Económica, continúa o seu percorrido esta semana. O sábado, 15 de xullo, terá lugar unha festa de DJs no parque do Ameneiral de Bertamiráns, a partir das 21:30 horas. A iniciativa proseguirá ao longo dos meses de agosto e setembro con outras cinco actuacións.

O parque do Ameneiral de Bertamiráns encherase este sábado de música e festa coa actuación de tres disq-jockeys, da man do programa “AmesON de verán”. Darase comezo ás 21:30 horas, coa actuación do DJ Wanna, que será o encargado de abrir a xornada.

Xa ás 22:30 horas, terá lugar a actuación de BB Wav, unha DJ influenciada pola cultura pop, internet, as raves e por ter medrado co romanticismo de Romeo Santos. Este mix tan heteroxéneo materialízase nunha proposta na que conflúen diversos xéneros nun formato de clubbing, con espazo para o perreo, os edits de electrónica con pop vocals, o techno-trance, o ghetto tech, o baile funk e ata os remixes de nightcore.

Para rematar, ás 23:30 horas, pinchará Traffic House para poñer o punto de música electrónica ao evento. Os seus temas baséanse especialmente na influencia progressive e electro house, aínda que algúns dos seus singles teñen un marcado carácter latino.

A concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, sinalou que “un ano máis, poñemos en marcha esta iniciativa co obxectivo de dinamizar o comercio e a hostalaría amesáns. Animo á veciñanza do concello e aos visitantes da contorna a que se acheguen ata Bertamiráns a gozar do espectáculo de DJs deste sábado e a que desfruten do verán en Ames”.

Máis actividades en agosto e setembro
O “AmesON de verán” continuará achegando música na rúa ao concello durante o mes de agosto. O sábado 5 actuará Tacón Gitano na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, mentres que o luns 7 estará na mesma ubicación Pitusa Semifusa.

Xa o martes 8, a veciñanza poderá achegarse ata a praza de Chavián, en Bertamiráns, para ver o espectáculo de Paco Nogueiras. E pechará o mes de agosto Los Mecánicos, de novo no parque do Ameneiral, o día 12.

Para poñer fin ao programa, a orquestra Olympus estará no aparcadoiro do SuperCor, no Milladoiro, o domingo 3 de setembro. O concerto será aberto polos gañadores da terceira edición do karaoke “Canta con Ames”.

Cartaz do programa "AmesON de verán"

Multimedia

  • Cartaz do programa "AmesON de verán"