Pestanas principais

Pablo Balseiro e Los Cascarillas actúan este xoves 20 de xullo en Tapia dentro dos Seráns de Ames

Mércores, 19 de xullo de 2023

Este xoves, 20 de xullo, a praia fluvial de Tapia acolle a terceira das actuacións do programa “Seráns de Ames 2023”. A iniciativa, que se desenvolverá todos os xoves de xullo e agosto, acolle nesta ocasión un concerto do grupo Pablo Balseiro e Los Cascarillas. Será ás 19:30 horas. Premendo nesta ligazón podes consultar o cartel ao completo dos Seráns de Ames.

Pablo Balseiro & Los Cascarillas é un sinónimo de auténtica festa. O grupo afincado na Coruña, embárcanos nunha viaxe musical no que mistura ritmos tan variados como rumba, guateque, rock e músicas populares, todo dende unha perspectiva moi particular que aporta Pablo Balseiro e a súa banda.

Esta formación, que nos últimos cinco anos fixo ao redor de 600 concertos, está consolidada nos circuítos de música en directo de toda Galicia, garantindo un repertorio que dá para moito. Música en directo sen dilacións de ningún tipo, sen condicionamentos estéticos ou de etiquetas… música en estado puro, entendendo esta como o feito de compartir, de poñer sobre a mesa as mellores intencións de pasalo ben.

Pablo Balseiro
Pablo Balseiro comezou á idade de 14 anos os seus primeiros flirteos na música. Daquela, xa escribía historias que pouco a pouco se foron convertendo en cancións. Comezou a compoñer e gravar maquetas cun multi-pistas na súa casa e foi precisamente por unha desas gravacións, a que lle fixo tocar como invitado na Sala Galileo Galilei de Madrid polo aniversario de Enrique Urquijo.

Fundou a súa primeira banda ao pouco tempo, Los Guacamola, unha banda que fusionaba Tex-Mex coa Rumba e na que compuxo moitos temas que máis tarde engadiría no seu disco en solitario.

Continuou coa súa carreira musical en solitario, compaxinándoa con outros proxectos paralelos como Caravan, Radio son, Los Cacahuates ou Contos Tirititraum.  En outubro de 2015 editou o seu primeiro traballo, "San Roque Pá" co nome de Pablo Balseiro & Los Cascarillas. En este colaboran moitos amigos e míticos artistas do panorama musical coruñés como Xurxo Souto, Sandra Calderón, Luis Tinaquero, Rubén Barros, Rafa Mississippi, Alex Fente, etc..
 
Seráns de Ames
Os Seráns de Ames é unha programación de verán para todos os públicos que volve ao concello por terceiro ano consecutivo, despois de que no ano 2021 se estrease a iniciativa na praia fluvial de Tapia e no 2022 se ampliase á parroquia de Bugallido. Como en anteriores edicións, as doce actividades que conforman o programa desenvolveranse todos os xoves dos meses de xullo e agosto, habitualmente ás 19:30 horas.

Para pechar o mes de xullo está previsto que o vindeiro xoves, 27 de xullo, estean en Bugallido, ás 19.30 horas, Quico Cadaval e Celso Sanmartín co espectáculo “Narradores no Serán”. Cadaval é actor, director e adaptador teatral, mentres que Sanmartín é poeta e contacontos.

Pablo Balseiro e Los Cascarillas actúan este xoves 20 de xullo en Tapia dentro dos Seráns de Ames

Multimedia

  • Cartaz do programa Seráns de Ames 2023