Pestanas principais

Final da terceira edición de Canta con Ames no parque do Ameneiral

Xoves, 24 de agosto de 2023

O parque do Ameneiral, en Bertamiráns, acollerá ese sábado, 26 de agosto, a fase final do concurso “Canta con Ames” a partir das 20.00 horas. O certame, que vai pola súa terceira edición, “estase a converter nun fenómeno sen precedentes” e “seguido por xente de todas as idades”, afirma a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz. “Na anterior edición contamos con máis de 500 persoas de público na final, dato que nos encantaría repetir este ano”, finaliza Paz.

As 12 persoas seleccionadas polo xurado interpretarán dous temas completos de distinto estilo musical e loitarán por distintos premios entre o que destaca a posibilidade de actuar como abre-concertos da orquestra Olympus, que estará o domingo 3 de setembro no Milladoiro. Adriana, a gañadora infantil da anterior edición, gozará dunha actuación individual ese día e as xurados, Lara López e Inés Suárez, protagonizarán unha actuación a dúo.

O Canta con Ames é un concurso organizado pola Concellaría de Promoción Económica en colaboración coas asociacións de empresarios Novo Milladoiro e maila Xuntanza de Empresarios de Ames. A terceira edición do Canta con Ames comezou coas dúas xornadas de preselección nas que participaron 24 persoas de Ames e doutros concellos como Santiago de Compostela, Vigo, Arteixo, Cee, Corcubión, Silleda e Ordes.

Tras a preselección e a semifinal, que se celebrou o pasado 4 agosto, o xurado do certame seleccionou a 12 finalistas: Iker Alonso, María Pose, Candela Caamaño e Antía Holovat (na categoría infantil); Antía Boo, Sofía Lado, Paula Fernández e María Álvarez (categoría xuvenil); e María Salaño, María Caamaño, Noelia Turnes e Ainhoa Conde (categoría sénior).

Na final, que se vai desenvolver este sábado 24 de agosto ás 20:00 horas, os 12 finalistas terán que interpretar dúas cancións de distinto estilo musical, sen repetir temas entre eles. O xurado escollerá despois un gañador ou gañadora por categoría. Este ano o xurado do concurso está composto por Inés Suárez Rey, Noelia Bellas Ferreira e Lara López Suárez, mentres que a presentadora é Loly Gómez Oviedo.

Premios
Aos gañadores ou gañadoras premiaráselles cun trofeo en recoñecemento da súa participación, unha cesta saudable, un vídeo profesional sobre o seu paso polo concurso, cantar nas pre-badaladas de fin de ano e dúas tarxetas valoradas cada unha en 100 euros, que achegan as asociacións Xuntanza de Empresarios de Ames e do parque empresarial Novo Milladoiro. Ademais, poderán actuar como abre-concertos no espectáculo que a orquestra Olympus vai ofrecer o vindeiro domingo, 3 de setembro, no Milladoiro.

Por outra banda, ao resto de participantes que chegaran á final en cada categoría premiaráselles tamén cun trofeo, unha cesta saudable, un vídeo profesional do seu paso polo concurso e unha tarxeta regalo valorada en 30 euros para gastar nos comercios da asociación de comerciantes Xuntanza de Empresarios de Ames. As cestas saudables serán elaboradas polo establecemento Froitas e verduras Gelina, de Bertamiráns.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Las Noites en Vela de A Ponte Maceira abrirán boca a las verbenas y final de Canta con Ames"

Finalistas do Canta con Ames 2023

Multimedia

  • Embedded thumbnail for