Pestanas principais

O Concello de Ames continúa a inversión no Milladoiro con 300.000 euros destinados á pavimentación de rúas

Sábado, 16 de setembro de 2023

O Concello de Ames destinará máis de 300.000 euros na mellora da seguridade viaria no Milladoiro coa pavimentación de diversas rúas. Estas obras, que se executarán nos vindeiros meses, comprenden á rúa de Agro do Medio, á rúa do Rego, á rúa de Abaixo e á rúa do Muíño Vello. As próximas pavimentacións súmanse as fortes inversións xa realizadas como as obras de eficiencia enerxética ou os percorridos ambientais, de 120.000 e 145.000 euros cada unha.

Estas actuacións suman entre todas case 19.000 metros cadrados de pavimentado de 5 centímetros de profundidade que se aplicará no núcleo urbano do Milladoiro nos vindeiros meses grazas ao programa POS+2022 da Deputación da Coruña ao que se acolleu o Concello de Ames.

O alcalde de Ames, Blas García destaca que “O Milladoiro é o núcleo máis poboado e importante do noso concello, por iso seguimos traballando para mellorar as comunicacións, pero tamén realizando proxectos para convertelo nun núcleo máis verde, sostible e humanizado”.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, destaca a importancia desta obra e recorda tamén os “máis de 120.000 euros investidos en eficiencia enerxética no polígono do Novo Milladoiro e entorno, así como os preto de 145.000 euros dos percorridos medioambientais”. Nieto destaca a importancia do Milladoiro no conxunto do Concello de Ames e incide en que “a inversión neste territorio debe ser continua”.

En canto canto a eficiencia enerxética o Concello de Ames acolleuse de novo ao programa POS+2022 e ás axudas económicas da Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia para mellorar a eficiencia enerxética do polígono do Novo Milladoiro e entorno, así como en varias instalacións municipais por un valor total de 120.000 euros. O alcalde, Blas García destacou o “importante aforro que supón para o Concello este cambio a luminarias LED”.

Outra actuación destacada no núcleo do Milladoiro é a dos percorridos ambientais presentados na zona sur. Esta está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 e serviu para “adaptar e mellorar os espazos verdes que xa existían no Milladoiro”, como precisou o alcalde, Blas García, o pasado 30 de xuño. Este proxecto, adxudicado por un valor de case 145.000 euros, serviu para “adaptar e mellorar o espazo verde que xa existía no Milladoiro”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "O Concello de Ames investirá 300.000 euros na pavimentación de catro rúas do Milladoiro"

Imaxe da rúa Muíño Vello

Multimedia

  • Imaxe dos percorridos ambientais
  • Imaxe dos percorridos ambientais
  • Imaxe da rúa Muíño Vello
  • Imaxe do parque empresarial do Milladoiro