Pestanas principais

> Móllate polos ríos

Domingo, 24 setembro, 2023
Ás 10:30 horas

O Concello de Ames participa novamente na iniciativa “Móllate polos ríos”. Coordinada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), a actividade consiste na limpeza simultánea de lixo en distintos ríos e regatos de Galicia. Dende a Concellaría de Medio Ambiente e Rural convídase á veciñanza amesá a participar desta iniciativa, que se desenvolverá este domingo, 24 de setembro, a partir das 10:30 horas, facendo unha limpeza dos regos do Ameneiral e Pasos. Para inscribirse nesta actividade hai que enviar a ficha de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal

Unha vez realizada a presentación da actividade e, tras dar as instrucións oportunas sobre como se debe desenvolver a limpeza, faranse diversos grupos. Este ano realizarase unha limpeza do rego do Ameneiral, dende o parque do Ameneiral ata o lugar de Castrigo do rego dos Pasos, de Bertamiráns a Pousada.

Está previsto que as labores de limpeza rematen arredor das 13:00 horas. Unha vez transcorrida a actividade, os/as participantes reuniranse de novo na praza do Concello para avaliar a natureza e quilos de lixo recollidos en cada rego, e, despois, todo será depositado nos correspondentes contedores. Os datos acadados ao longo da xornada serán enviados a ADEGA, para a realización dun informe sobre o estado dos nosos ríos. O Concello anima a que, dende as parroquias, se formen outros grupos que saian a realizar a limpeza polo regos mais próximos.

Faranse grupos de dúas ou tres persoas por treito, e cada persoa traballará nunha zona específica de cada treito. Haberá que intentar separar os diferentes tipos de lixo para posteriormente depositalos nos contedores de reciclaxe. En caso de atopar aceites de coches e residuos líquidos, non se poden mesturar.

Ao rematar a actividade, deberase limpar o material empregado para evitar dispersar semente de flora exótica invasora ou, no caso de anfibios, transmitir enfermidades.