Pestanas principais

Os alcaldes, Blas García e Diego Díaz, abordan os obxectivos conxuntos de Ames e Val do Dubra no seguinte mandato

Mércores, 20 de setembro de 2023

Blas García e Diego Díaz mantiveron un primeiro encontro institucional esta mañá no Concello de Val do Dubra xunto coa concelleira de dubresa Celsa Oreiro e os concelleiros amesáns Susana Señorís e Gustavo Nieto para abordar os asuntos que afectan á veciñanza de ambos municipios como son a mellora da seguridade da AC-543, o parque comarcal de bombeiros, o transporte metropolitano, e a explotación do Tambre como principal piar no que centrar a actividade económica do sector turístico da zona.  

Blas García valorou de forma positiva a reunión pois entende que “Ames e Val do Dubra teñen un futuro en conxunto e hoxe trazamos os eixos que marcarán esta colaboración durante os próximos 4 anos”, mentres que Diego Díaz entende que a “a proximidade dos nosos concellos fai indispensable que manteñamos unhas boas relacións para o beneficio mutuo da veciñanza”.

En canto á creación dun parque comarcal de Bombeiros que prestaría servizo a varios concellos, un proxecto que leva anos pendente e que consideran prioritario, García opina que "é un tema no que levamos moito tempo traballando e que temos que solucionar”.

A este respecto, o alcalde de Val do Dubra, na mesma liña co rexedor amesá, cualificou como prioridade a reactivación do diálogo entre as distintas administracións implicadas, e dicir, o Concello de Santiago, o Consorcio Provincial de Bombeiros, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia para que este Parque Comarcal de Bombeiros se poida facer realidade canto antes.

A mobilidade, tema capital para os municipios da área metropolitana de Santiago de Compostela foi un dos principais puntos da reunión, pois como apuntou García, "veciños de Santiago fan a súa vida nos distintos municipios da área metropolitana e veciños de Ames e Val do Dubra fan vida en Santiago. É necesario ofertar un servizo de calidade para que a xente opte por usar este tipo de trasporte público". Díaz, pola súa parte, quixo salientar a necesidade de aumentar a frecuencia do transporte público metropolitano para que este se converta nun servizo real de calidade, “un servizo non ten que ser rendible, ten que facerlle máis fácil a vida da xente”.

O turismo é un sector no que ambos alcaldes coinciden en que é necesario explotar de forma máis insistente, polo que neste mandato explorarán a viabilidade dun plan de turismo sustentable no que se tome como piar principal o río Tambre e que repercuta na hostalería e sector servizos da zona.

Entre outros temas tamén se falou da posibilidade de que ambos municipios compartan rede de saneamento nalgún punto da súa xeografía.

Novas relacionadas:

Enfoques: "Los alcaldes de Ames y Val do Dubra mantienen su primer encuentro institucional"

Lindeiros: "Ames e Val do Dubra marcan unha axenda de traballo conxunta"

Xuntanza entre os alcaldes de Ames e Val do Dubra, Blas García e Diego Díaz