Pestanas principais

> Cogomelos de Bugallido

Domingo, 8 outubro, 2023
De 11.00 a 17.00 horas

No mes de outubro comezan as saídas para recoller cogomelos. Co fin de difundir o curioso mundo dos fungos ao tempo que amosar as paisaxes de Ames, a Aula da Natureza organiza catro saídas didácticas polas parroquias amesás de Bugallido, Lens, Ameixenda e Agrón. Ademais, durante a celebración da feira Tanto Monte / Monte Tanto farase unha exposición e degustación de cogomelos. O obxectivo é chegar ao maior número de persoas polo que as saídas realizaranse os sábados e domingos en horario de mañá ou de tarde.

A primeira saída será pola parroquia de Bugallido o domingo 8 de outubro, en horario de 11.00 a 17.00 horas. O sábado, 4 de novembro, farase unha exposición e degustación de cogomelos na feira Tanto Monte / Monte Tanto. O día seguinte, o domingo 5 de novembro, haberá unha nova saída, desta volta pola parroquia de Lens, en horario de 10.00 a 14.00 horas. O sábado 18 de novembro recolleranse cogomelos pola parroquia da Ameixenda, de 11.00 a 17.00 horas. A última saída será o sábado 25 de novembro cunha saída pola parroquia de Agrón, de 10.00 a 14.00 horas.

Trala saída ao monte e despois dun pequeno descanso para comer, farase unha recompilación e estudo detallado das especies atopadas. Trátase dunha actividade familiar que está dirixida a todos os públicos. Ofértanse 40 prazas para cada saída. A inscrición para participar nestas actividades xa está aberta e pecharase o 22 de novembro. Haberá servizo de autobús. Os horarios e paradas serán facilitadas aos participantes.

Para inscribirse nas actividades da programación de outono hai que enviar o impreso de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal indicando a actividade ou actividades nas que se quere participar. Haberá que enviar un impreso de inscrición por persoa. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 660 00 46 65.

Multimedia