Pestanas principais

Adxudícanse proxectos por 865.874 euros para realizar obras de mellora en O Milladoiro, Bertamiráns, Castiñeiro do Lobo e Agrón

Luns, 09 de outubro de 2023

A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar nas últimas semanas cinco proxectos de obras e melloras por valor de preto de 900.000 euros. Trátase das obras de pavimentación nas rúas Agro do Medio, do Rego e de Abaixo, no Milladoiro (197.161,73 euros);  pavimentación das rúas Rosaleda e Muíño e a travesía de Paraxó, en Bertamiráns (154.083,86 euros); pavimentación da estrada de Castiñeiro do Lobo, na parroquia de Ames (233.117,16 euros); a pavimentación da estrada de A Garea e interiores, na parroquia de Agrón (239.766,30 euros); e as obras de eficiencia enerxética na iluminación pública do parque empresarial Novo Milladoiro (41.745 euros).

O Concello de Ames continúa o seu investimento nas infraestruturas tanto das parroquias eo rural coma dos núcleos urbanos. Deste xeito, a Xunta de Goberno Local adxudicou en pouco máis dun mes cinco proxectos por valor de 865.874,05 euros. Son proxectos que inclúen a pavimentación de estradas do rural e tamén dos núcleos urbanos do Milladoiro e Bertamiráns. Asemade, un dos proxectos adxudicados é para mellorar a eficiencia enerxética na iluminación pública do parque empresarial Novo Milladoiro.

No Milladoiro executaranse obras de pavimentación na rúa Agro do Medio, rúa do Rego e na rúa de Abaixo. Estas actuacións foron adxudicadas á empresa Nemesio Ordóñez SA por un importe de 197.161,73 euros. O proxecto, que forma parte do POS+ 2022, contempla a mellora da capa de rodaxe das tres rúas, e súmase a outras actuacións similares aprobadas recentemente para mellorar a pavimentación da avenida Muíño Vello. Estas actuacións permitirán mellorar a súa seguridade viaria de ditas rúas.

Tamén no Milladoiro vaise a mellorar a eficiencia enerxética na iluminación pública do parque empresarial Novo Milladoiro. Dito proxecto foi adxudicado por 41.745 euros empresa  Acelec instalaciones eléctricas SL. O Concello de Ames dispón para este proxecto dunha axuda económica da Consellería de Economía, Industria e Innovación, da Xunta de Galicia, destinada a sufragar a habilitación e mellora dos polígonos empresariais da comunidade.

En Bertamiráns, actuarase nas rúas Rosaleda e Muíño e na travesía de Paraxó. Os traballos foron adxudicados á empresa Nemesio Ordóñez SA, por un importe total de 154.083,86 euros, incluídos no POS+2022. As actuacións contempladas servirán para a mellora funcional das estradas e para o incremento da seguridade viaria nestas tres rúas do núcleo urbano.

Actuacións no rural
A Xunta de Goberno Local tamén vén de adxudicar as obras de pavimentación da estrada de Castiñeiro do Lobo, na parroquia de Ames, por 233.117,16 euros. O proxecto, que forma parte do POS+ 2022, contempla o acondicionamento ao longo de 830 metros, co fin de mellorar a funcionalidade e a seguridade da vía. Esta actuación foi adxudicada á empresa Construcciones y Obras Andujar SL.

Outro dos proxectos que foron recentemente adxudicados foi o das obras de pavimentación da estrada de A Garea e interiores, na parroquia de Agrón, e tamén está incluído no POS+2022. O proxecto foi adxudicado á empresa Acquablue Sistemas Constructivos S.L. por 239.766,30 euros, e ten como obxectivo o acondicionamento das vías co fin de incrementar a súa funcionalidade e a seguridade viaria.

O alcalde de Ames, Blas García destaca que “continuamos traballando para mellorar as infraestruturas do Milladoiro e Bertamiráns, pero tamén prestamos especial atención ás vías e camiños dos núcleos rurais para mellorar o seu estado e mellorara a seguridade viaria”.  

O edil responsable do departamento de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, sinala que “seguimos adxudicando obras, neste caso catro proxectos que se sufragan con fondos do POS+2022 da Deputación da Coruña. Neste caso renóvanse viarios de Castiñeiro do Lobo e de A Garea, pero tamén se mellora a pavimentación de rúas do Milladoiro e de Bertamiráns”. Gustavo Nieto tamén recalca a “aposta do Goberno municipal pola mellora da eficiencia enerxética nas súas instalacións, sexa en edificios públicos coma na iluminación pública”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A Xunta de Goberno amesá adxudica obras por importe de máis de 850.000 euros"

La Voz de Galicia: "Ames adjudica obras en vías de núcleos y rural por importe de 865.900 euros"

Enfoques: "Ames invertirá casi 900.000 euros en obras en O Milladoiro, Bertamiráns, Castiñeiro do Lobo e Agrón"

Lindeiros: "Ames destina máis de oitocentos mil euros a asfaltados"

Imaxe da rúa Agro do Medio, no Milladoiro

Multimedia

  • Imaxe da rúa de Abaixo, no Milladoiro
  • Imaxe da rúa do Rego, no Milladoiro
  • Imaxe da rúa Rosaleda, en Bertamiráns
  • Imaxe da rúa Muíño, en Bertamiráns
  • Imaxe da travesía de Paraxó, en Bertamiráns
  • Vanse executar obras de pavimentación da estrada de A Garea e interiores, na parroquia de Agrón
  • Plano do proxecto que se vai executar na estrada de Castiñeiro do Lobo