- Tematica
O concello de Ames acolleu onte unha nova edición da carreira pedestre popular que se desenvolveu na localidade de Bertamiráns e a súa contorna. Na proba absoluta o gañador foi Mehdi El Nabaoui, do club Oriente Atletismo, cun tempo de 30.16, e Nouhaila El Gazouir, do club deportivo Arzúa, cun tempo de 33.47. Esta proba pertence ao ao IX Circuíto provincial de carreiras populares da Deputación da Coruña. Premendo nesta ligazón podes consultar as clasificacións da carreira pedestre.
A localidade de Bertamiráns acolleu este pasado domingo, 22 de outubro, a XXII edición da Carreira pedestre popular Concello de Ames, cuxa saída e chegada estivo situada na rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns. Nesta proba inscribíronse máis de 1.200 atletas. Deles, arredor de 640 inscribíronse nas categorías escolares femininas e masculinas (pitufos, prebenxamín, sub10, sub 12, sub14 e sub16), mentres que na proba dos 10 quilómetros inscribíronse tamén arredor de 510 corredores/as pertencentes á categoría absoluta e sub18. Premendo nesta ligazón podes consultar a galería de imaxes da carreira pedestre.
Nesta edición, os gañadores absolutos da carreira foron Mehdi El Nabaoui, do club Oriente Atletismo, cun tempo de 30.16, e Nouhaila El Gazouir, do club deportivo Arzúa, cun tempo de 33.47.
No segundo posto da categoría masculina quedou David Mendoza, do club Tríatlon Arteixo, cun tempo de 30.25, e terceiro foi Alejandro Fernández, do club Ada Calviá, cun tempo de 30.29. Na categoría feminina, Laura Santos, do club de atletismo Playas de Castellón, foi segunda cun tempo de 34.10, e na terceira posición quedou Uxía Pérez, do club atletismo feminino Celta, cun tempo de 36.11.
Entrega de premios
Unha vez rematadas as carreiras, procedeuse á entrega de trofeos no podio instalado na praza do Concello. Foron galardoados cun trofeo os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculina e feminina. Houbo tamén catro premios en metálico: 250 euros para o gañador, 200 para o subcampión, 100 para o terceiro clasificado e 50 para o cuarto. Na proba absoluta, ademais, tamén recibiron un trofeo os tres primeiros corredores empadroados no Concello de Ames que chegaron á liña de meta. Pola súa banda, os máis pequenos foron premiados cunha medalla de chocolate.
Como vén sendo habitual durante as últimas edicións, tamén se entregou un trofeo aos tres primeiros clubs da carreira absoluta, e premios en metálico aos catro primeiros (250 euros para o gañador, 175 para o segundo clasificado, 100 para o terceiro e 75 para o cuarto).
Organización do evento
Organizada polo propio Concello, en colaboración coa Federación Galega de Atletismo, a proba pertence ao IX Circuíto provincial de carreiras populares da Deputación da Coruña. Nesta iniciativa tamén colaboraron os clubs de atletismo do concello (Millaraio, Sar e Ames Atletismo). Ademais, a Policía Local organizou un operativo especial no que colaborou a Agrupación de Protección Civil de Ames e o club ciclista Os Esfola Arrós. O control da carreira correu a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo da delegación de Santiago de Compostela.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Mehdi El Nabaoui y Nouhaila El Gazouir, ganadores de la Pedestre Popular de Ames"
La Voz de Galicia: "Mehdi El Nabaoui y Nouhaila El Gouzir ganan en Bertamiráns"