Pestanas principais

O Concello de Ames crea unha nova área ambiental na zona sur do Milladoiro con dúas novas sendas peonís

Luns, 23 de outubro de 2023

Esta maña inauguráronse os percorridos ambientais que se crearon na zona sur do Milladoiro. Dito proxecto foi adxudicado á empresa MGM Edificaciones e Infraestructuras SL por un importe de 144.690,36 euros (IVE incluído). Esta actuación estivo cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Deste xeito, creáronse dúas novas sendas peonís para pasear e facer deporte no monte, que se atopa na contorna das rúas do Rego e da Costa Grande, e que discorren por debaixo do viaduto da AP-9.

O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento do Plan Impulsa Ames, que se enmarca dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI). Un dos proxectos que se integran neste plan é a creación dun nova área ambiental na zona sur do Milladoiro. Este proxecto executouse na zona boscosa que está próxima á rúa do Rego e da Costa Grande. Deste xeito, creáronse novos percorridos ambientais que forman unha nova ruta circular por onde se pode andar e correr.

Esta mañá o alcalde, Blas García; a concelleira encargada do proxecto, Susana Señorís; a técnica da EDUSI Impulsa Ames, Clara García; e mailo arquitecto de Sepia Técnicos SL, Samuel Folgueral, participaron nun acto que serviu para inaugurar os novos percorridos ambientais creados na zona sur do Milladoiro. A empresa Sepia Técnicos encargouse da dirección facultativa e da coordinación da seguridade e saúde durante a execución do proxecto. Tamén participaron no acto concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, do Partido Popular e Bloque Nacionalista Galego, así como Roberto Miguel Folgueral, enxeñeiro da empresa Sepia Técnicos.

O alcalde, Blas García, agradeceu o traballo de todas as partes implicadas para que moitos dos proxectos enmarcados na EDUSI Impulsa Ames sexan unha realidade e outros estean en fase de finalización. “A creación desta área ambiental, xunto ao acondicionamento do parque verde na zona norte, son dúas obras moi importantes para O Milladoiro, pois unha das queixas máis recorrentes dos veciños dende que entrei de concelleiro é a ausencia de zonas verdes neste núcleo, pero si que os hai, estaban aí á espera de acondicionalos.  Esta non é a última actuación que imos realizar nesta zona, xa iremos dando máis detalles, pero intentaremos recuperar todo este espazo que na actualidade é de propiedade privada para a veciñanza do Milladoiro”.

Por outra banda, a concelleira encargada do proxecto, Susana Señorís, destacou que “estos percorridos creados na zona sur do Milladoiro son dúas novas sendas peonís para pasear, camiñar, correr, facer deporte no monte… pero ao mesmo tempo comunicar e vertebrar a vila e comunicar a súa veciñanza. E todo isto, en plena natureza. Temos a sorte de que non houbo que crear un espazo artificial e adaptalo a estes usos. Tratábase de acondicionar e poñer en valor unha contorna valiosa e singular que xa formaba parte do noso escenario, e que estaba infrautilizada”.

Ademais, Susana Señorís, engadiu “estes percorridos ambientais son dúas rutas: unha circular, na que se executaron obras de drenaxe para consolidar o firme da senda e se encararon as augas de escorrentía que había nese lugar; e unha segunda ruta na que se utilizaron e se melloraron os camiños granulares que xa existían ata os depósitos municipais de auga. Para mellorar a seguridade e a visibilidade destes percorridos, e que se poidan utilizar durante todas as horas posibles, tamén se instalou alumeado público sostible, e colocáronse carteis que explican e sitúan os camiños”.

Por último, Samuel Folgueral, da empresa Sepia Técnicos, que explicou que os percorridos ambientais “teñen un trazado de arredor de 1.100 meros que discorren dende o núcleo urbano e residencial ata unha zona de bosque. O que se fixo foi naturalizar os pavimentos habituais que temos nos espazos urbanos, que están entre os espazos naturais e os espazos urbanizados. Dese xeito recuperouse un espazo que non se estaba empregando. É un espazo para que o cidadán transite por el dun xeito tranquilo en contacto coa natureza, pero cun mínimo de humanización por iso dispón de alumeado público”.

Percorridos ambientais
En dito entorno, creáronse diferentes sendeiros co obxectivo de que sexan aproveitados tanto para facer deporte coma para andar e pasear por un entorno natural. Deste xeito, creouse un acceso á zona verde e mailos percorridos ambientais. Os traballos realizáronse na zona de acceso tendo en conta a actuación de eliminación de barreiras urbanísticas en materia de accesibilidade universal no espazo público urbanizado feita na rúa do Rego. Ademais, creouse unha praza de acollida que é accesible universalmente no seu percorrido e mobiliario.

Creáronse dúas rutas: unha circular (na que se executaron obras de drenaxe para consolidar o firme da senda proxectada e o correcto encanamento das augas de escorrentía existentes nesa zona) e outra que discorre cara os depósitos municipais de auga do Milladoiro (utilizando camiños granulares existentes e mellorados que chegan ata os depósitos municipais de auga). Outras actuacións executadas foron a colocación de alumeado público sostible, tanto para a praza de acollida como nos novos percorridos ambientais. Tamén se colocaron carteis informativos explicativos de todas as rutas.

Este proxecto enmárcase entro do Obxectivo Temático 6 (OT6): preservación e protección do medio e fomento da eficiencia dos recursos. Concretamente esta actuación céntrase na rexeneración de solos degradados para o uso e desfrute da cidadanía.

Parque verde central do Milladoiro
Este proxecto súmase ao executado na zona norte do Milladoiro onde se mellorou o parque verde que está situado xunto á área de instalacións deportivas, Casa da Cultura e IES. Deste xeito, creouse medio quilómetro de novas sendas peonís; acondicionáronse os accesos ao parque segundo a normativa de accesibilidade; instalouse un novo sistema de alumeado LED con 23 novas luminarias; 2 mesas de tenis de mesa; un novo mobiliario urbano (8 bancos e mesas), 14 papeleiras e 2 fontes (unha delas accesible); e un novo sistema de drenaxe e rego automático. Tamén se plantou nova vexetación, 35 carballos, 9 abeleiras e enredadeiras en 9.500 metros cadrados.

O obxectivo deste proxecto foi gañar unha zona de esparexemento e paseo na parte alta do núcleo urbano con zonas de descanso, camiños e áreas de xogo nunha superficie de 12.000 metros cadrados de extensión. Este proxecto foi adxudicado á empresa CYS HISPANIA SL por un importe de 130.706 euros.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Inaugurada a nova área ambiental na zona sur do Milladoiro con dúas sendas peonís, unha delas circular"

La Voz de Galicia: "Ames inaugura las sendas peatonales del sur de O Milladoiro"

Enfoques: "Ames estrena sus recorridos ambientales en el sur de Milladoiro"

Imaxe do acto de inauguración dos percorridos ambientais

Multimedia

  • Imaxe do acto de inauguración dos percorridos ambientais
  • Imaxe do acto de inauguración dos percorridos ambientais
  • Imaxe do acto de inauguración dos percorridos ambientais
  • Imaxe do acto de inauguración dos percorridos ambientais
  • Imaxe do acto de inauguración dos percorridos ambientais
  • Imaxe do acto de inauguración dos percorridos ambientais
  • Imaxe do acto de inauguración dos percorridos ambientais
  • Imaxe dos percorridos ambientais
  • Imaxe dos percorridos ambientais
  • Imaxe do acto de inauguración dos percorridos ambientais
  • Imaxe do acto de inauguración dos percorridos ambientais
  • Imaxe do acto de inauguración dos percorridos ambientais
  • Imaxe da placa dos percorridos ambientais