- Tematica
O programa Apego amesán arrinca o mes de novembro cunha foliada musical “terrorífica” para celebrar o Samaín cos máis cativos. O venres 3 de novembro festexaremos o outono cunha Foliada de Samaín, dinamizada por Pablo Díaz e Olga Kirk, que se vai a realizar no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Para participar é preciso inscribirse, dende hoxe ata o 2 de novembro, enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, un teléfono de contacto e a idade dos/as nenos/as.
Achégase o Samaín, unha época do ano na que a escuridade das longas noites fan que o medo estea moi presente. E non hai mellor método para perderlle o medo ao medo que cantar e bailar, por iso desde o Programa Apego propoñen esta Foliada de Samaín, dinamizada por Pablo Díaz e Olga Kirk.
Será o venres, 3 de novembro, ás 18.00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, e quen queira, pode vir disfrazado e traer os instrumentos tradicionais que teña pola casa. Entre todas e todos vaise armar unha gran festa de medo cantando e bailando a son da música de sempre.
Os/as interesados/as en asistir deben enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas participantes, así como un teléfono de contacto e as idades dos cativos e cativas que acudan. As familias poden anotarse dende hoxe, 26 de outubro, ata o xoves 2 de novembro. As prazas serán asignadas por orde de recepción das solicitudes, e non se admitirán inscricións fóra de prazo.
O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto colaborativo no que participan varios concellos, entre os que se inclúe Ames, e que vai dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, empregando distintas actividades e recursos.
As familias interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.