- Tematica
A Corporación municipal aprobou por unanimidade, no pleno ordinario de outubro, a declaración de especial interese ou utilidade municipal das obras de construción do novo CEIP do Milladoiro para bonificar a cota do ICIO. Ademais, déuselle luz verde á resolución de alegacións e aprobación definitiva do regulamento para a xestión do servizo do Ciclo Integral da Auga, á aprobación inicial da ordenanza reguladora das prestacións patrimoniais de carácter público non tributario pola prestación dos servizos que conforman o Ciclo Integral da Agua, e á aprobación inicial da modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do Servizo de Axuda no Fogar. Tamén se aprobou a segunda modificación do plan estratéxico de subvencións para o período 2023-2025, a revisión do prezo do contrato de concesión da xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira, a aprobación inicial da modificación da ordenanza reguladora do prezo publico pola utilización do centro deportivo municipal A Telleira, e a corrección de erros na modificación do lote 3 do contrato do servizo de limpeza nas instalacións de uso municipal. Por último, aprobouse por unanimidade unha moción presentada polo grupo Espazo Común solicitando a convocatoria e resolución das subvencións para as asociacións no primeiro trimestre de cada ano, así como unha declaración institucional de todos os grupos políticos de apoio á mellora do transporte metropolitano. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.
O pleno comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 478 decretos, do 2.996 ao 3.473. A continuación aprobáronse por unanimidade as actas anteriores, correspondentes á sesión ordinaria do 28 de setembro e do pleno extraordinario do 13 de outubro.
De seguido, a Corporación municipal aprobou por unanimidade a declaración de especial interese ou utilidade municipal das obras de construción do novo CEIP do Milladoiro para aplicar unha bonificación na cota do ICIO. Todos os grupos políticos municipais mostráronse a favor de dita aprobación e destacaron a importancia de que se constrúa o antes posible este novo centro de ensino no Milladoiro porque é moi necesario. O voceiro do BNG, David Santomil, fixo un relatorio do traballo e proceso administrativo que houbo que realizar dende 2015, momento no que entrou a gobernar o tripartito, para dispor dos terreos e posteriormente asinar o correspondente convenio coa Xunta de Galicia.
Ciclo Integral da Auga
Outros dos temas que se aprobou foi a resolución de alegacións e maila aprobación definitiva do regulamento para a xestión do servizo do Ciclo Integral da Auga. Ese punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e do Partido Popular. Os/as edís do BNG abstivéronse e a concelleira de Espazo Común votou en contra.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explicou que as alegacións presentadas contra o acordo plenario do 27 de xullo de 2023 de aprobación inicial do regulamento, foron desestimadas por parte dos técnicos municipais, polo que se propón aprobar definitivamente dito regulamento.
A concelleira de Espazo Común, Luísa Feijóo, aludiu “á falta de vontade política ao negarlle a unha parte da poboación o que é un dereito básico. Desperdicia unha gran oportunidade para ter un xesto cunha parte do rural ao que lle faltan servizos tan básicos como a auga que é un dereito fundamental”. O concelleiro do BNG, Alexandre Espinosa, dixo “nós ratificamos a conveniencia da municipalización que ocasiona un aforro de custos e contribúe a manter a calidade do servizo. O que seguimos botando en falta é que se indique, aínda que sexa no preámbulo, que se buscará o acceso universal á auga e ao saneamento para todos os veciños e veciñas, porque é un dereito básico”. Pablo Beiroa, concelleiro do Partido Popular, explicou que “votamos a favor da aprobación inicial do regulamento, e agora ao estar motivada polo técnicos municipais a desestimación das alegacións presentadas, volvemos a votar a favor como é lóxico”.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, respondeu que “se van investir 800.000 euros no proxecto de saneamento e abastecemento que se vai executar no núcleo de Lens, co obxectivo de levar estes servizos a Tapia e Piñeiro, así como aos demais núcleos que están sen auga, cunha estación de bombeo que se vai colocar na rede de Lens. Temos claro que a auga é un dereito fundamental. Hai que ser coherente. Iremos ampliando a rede de abastecemento e saneamento polas partes do concello que carecen destes servizos”.
Relacionado co Ciclo Integral da Auga, tamén se aprobou de xeito inicial a ordenanza reguladora das prestacións patrimoniais de carácter público non tributario pola prestación de ditos servizos. Segundo explicou o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, non se modifica a ordenanza, simplemente se fai un cambio de denominación na ordenanza de taxa a prestación. A concelleira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo “que se podía aproveitar para mellorar a ordenanza” e propuxo deixar o punto encima da mesa. En primeiro lugar votouse se se deixaba este puno encima da mesa. Esta proposta foi rexeitada co voto en contra dos concelleiros/as do grupo de goberno, Partido Popular e BNG, mentres que a concelleira de Espazo Común votou a favor. De seguido votouse este punto, que foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e do BNG. Os/as edís do Partido Popular abstivéronse e a concelleira de Espazo Común votou en contra.
Servizo de Axuda no Fogar
Ademais, aprobouse por unanimidade a aprobación inicial da modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do Servizo de Axuda no Fogar, nas modalidades de dependencia e libre concorrencia que afecta unicamente ao artigo 5.A.1 e 5.B.3. A concelleira de Benestar Social, Uxía García, explicou dita modificación; “hai que facela debido á actualización das taxas que teñen os usuarios dos servizos. Polo tanto, trátase dunha modificación puntual na ordenanza municipal, que regula o copago do servizo de axuda no fogar nas modalidades de dependencia e libre concorrencia”.
Plan estratéxico de subvencións
Tamén se aprobou por unanimidade a segunda modificación do plan estratéxico de subvencións para o período 2023-2025, para incluír a liña de axudas denominada “Bonos Comercio”, que foi posta en marcha no ano 2020 e seguinte, e á que se lle pretende dar continuidade ese ano cunha nova convocatoria, aos efectos de continuar coa recuperación económica. A xestión desta campaña levarase a cabo a través dunha entidade colaboradora, os comercios interesados perderán adherirse ao programa, e a través dunha APP web os beneficiarios poderán adquirir os bonos para empregar no comercio local. A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explicou que se “dedican 80.000 para crear a aplicación de xestión dos bonos comercio e para os propios bonos comercio”. Dende o BNG incidiron na importancia que tería a creación dun plan especial de revitalización comercial para fortalecer o sector.
Centro deportivo A Telleira
Por outra banda, aprobouse por unanimidade a revisión do prezo do contrato de xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira para o exercicio 2023. O incremento ascende ao 11,5% unha vez aplicada a fórmula recollida na cláusula 22 do prego, que fai referencia á evolución do IPC galego. A revisión formúlase tomando como referencia os períodos comprendidos entre xullo de 2021 a xullo de 2022 e terá efectos dende a entrada en vigor da modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola utilización do centro deportivo municipal A Telleira.
Relacionado co centro deportivo municipal A Telleira, aprobouse tamén por unanimidade a aprobación inicial da modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola utilización de dito centro deportivo. A finalidade desta modificación é a aplicación do IPC acumulado galego de xullo 2021 - xullo 2022 que ascende ao 11,5%, en cumprimento do previsto na cláusula 22 dos pregos de licitación que forman parte do contrato asinado.
Dende o BNG solicitaron que se empregue a lingua galega tanto na impartición das actividades coma na documentación que se facilita no centro deportivo A Telleira. Tamén pediron descontos para a mocidade na cota mensual do centro deportivo a través do carné Xove. A concelleira de Deportes, Susana Señorís, dixo tomar nota das propostas para trasladarllas á xerencia do centro deportivo.
Servizo de limpeza das instalacións municipais
Outros dos temas a tratar foi a corrección de erros na modificación do lote 3 do contrato do servizo de limpeza nas instalacións de uso municipal. Trátase dunha corrección sobre as anualidades, número de horas e importes. O lote 3 de dito servizo foi adxudicado no pleno do 28 de xullo de 2022 á empresa Limpezas Germania SL. Este punto foi aprobado por unanimidade.
Moción e declaración institucional
Tamén se aprobou por unanimidade unha moción en apoio ás asociacións do concello solicitando a convocatoria e resolución das subvencións ás mesmas no primeiro trimestre do ano e a xustificación e o pagamento no primeiro e segundo semestre do ano. No apartado de acordos recóllese que o goberno de Ames se comprometa a convocar e resolver as convocatorias de axudas ás asociacións no primeiro trimestre de cada ano, así como que se inicie o proceso, en coordinación co persoal técnico dos servizos implicados, para a modificación das bases de convocatorias de subvencións que non contemplen actualmente dous prazos de xustificación (primeiro e segundo semestre) de tal forma que se inclúan cando con iso poida beneficiarse o interese público e as dispoñibilidades dos servizos o posibiliten.
Por último, aprobouse por unanimidade unha declaración institucional de todos os grupos municipais de apoio á mellora do transporte metropolitano no concello de Ames. Esta declaración foi exposta pola concelleira do BNG, Escarlata Pampín, xa que foi o grupo propoñente de dita declaración. Nela ínstase a Xunta de Galicia a facer un estudo dos problemas existes na liña O Milladoiro - Santiago de Compostela e Bertamiráns – Santiago de Compostela e facer un reforzo do servizo nas horas de maior demanda. Ademais, solicítase revisar o cumprimento das rutas e horarios por parte da empresa concesionaria en todas as liñas do concello; e apostar dun xeito decidido pola calidade do servizo de transporte público de Ames, atendendo ás necesidades dos usuarios e usuarias.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames urge un estudio del bus metropolitano al incrementarse las carencias del servicio"