- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, informa de que debido ás inclemencias meteorolóxicas se adía a Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto”, que estaba prevista para este sábado, 4 de novembro, no campo da festa da parroquia de Trasmonte. Nos próximos días anunciarase a nova data na que se desenvolverá dita feira, que será un escaparate excepcional dos oficios e dos produtos vinculados ao monte. O principal obxectivo é poñer en valor o monte e os produtos e derivados que nos ofrece.
A feira contará cunha ampla variedade de actividades e produtos do monte. Está previsto que os visitantes poidan deleitarse cunha gama de produtos gastronómicos, dende froitos secos e aceites galegos ata degustacións de pans e miniburguers de carne vacún grumete. Ademais, haberá unha exposición de cogomelos durante todo o día e castañas asadas.
O evento tamén dará espazo ás artesanías, con obradoiros colaborativos de cestería, exposicións de resinas e un apartado especial para a cosmética e tratamentos naturais, onde se mostrarán cremas, locións e ungüentos terapéuticos.
A Feira do Monte ‘Tanto monte, monte tanto’ é unha excelente oportunidade para descubrir produtos locais e gozar dunha xornada chea de tradición e sabor. A iniciativa, organizada polo Concello de Ames, conta co respaldo do Mercado da Deputación da Coruña.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Aplazada la inauguración del consistorio de Silleda, un ferial en Ames y teatro en A Estrada"