Pestanas principais

17 expositores participarán na III Feira do Monte “Tanto Monte, Monte tanto” que se celebrará o sábado 25 de novembro en Trasmonte

Venres, 24 de novembro de 2023

O Concello de Ames vai celebrar este sábado, 25 de novembro, no campo da festa da parroquia de Trasmonte, a terceira edición da Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto”. O obxectivo é poñer en valor o monte galego e recuperar os oficios ligados ao monte. Será un escaparate excepcional dos oficios e os produtos vinculados ao monte. Na actualidade cóntase con 17 expositores confirmados de Ames e diversas localidades de Galicia. Haberá unha carpa para estar a cuberto e poder participar nas actividades programadas. Durante toda a xornada non faltarán as tradicionais castañas asadas e maila música tradicional. O acto institucional de apertura da feira farase ás 12.30 horas e contará coa actuación do quinteto de vento “Brisa”. A organización da feira conta coa colaboración do Mercado da Deputación da Coruña.

A Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto” segue medrando e xa chega á súa terceira edición. Un ano máis o campo da festa de Trasmonte acollerá este evento que se desenvolverá o sábado, 25 de novembro, de 11.30 a 19.30 horas. Inicialmente estaba previsto que a feira se celebrase o sábado 4 de novembro, pero houbo que adíala debido ao temporal de choiva e vento que houbo ese día.

O principal obxectivo é poñer en valor o monte e os produtos e derivados que nos ofrece. Contarase con 17 expositores de Ames e outros concellos galegos. Haberá unha carpa para estar a cuberto e poder participar nas actividades programadas.

Os amantes da apicultura poderán gozar da exposición de colmeas tradicionais e modernas, así como da cata de meles e outros produtos apícolas. A ‘Castaña de Galicia’ tamén terá un lugar especial, onde compartirase a súa historia e tradición cos asistentes. Os visitantes poderán deleitarse cunha gama de produtos gastronómicos, dende roxóns e aceites galegos ata degustacións de pan, porco celta e miniburguers de carne vacún grumete.

O concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, destaca que “a Feira do Monte xa é un evento consolidado no concello, tal e como demostra que xa son os expositores os que lle preguntan ao Concello para vir á feira, e non ao revés como sucedeu ao comezo. Cada ano que pasa queremos engadir novas actividades para que esta feira sexa máis atractiva e para que sexa un referente entre os eventos nos que se promociona o monte e se pon en valor o rural”.

Expositores participantes
Dende a organización destacan que están satisfeitos de que a feira vaia medrando en cada edición e se consolide como unha actividade de outono dentro da programación do Concello de Ames. Haberá expositores de cerería, apicultura, aceite galego, alimentación, artesanía, cosmética natural, viveiro natural, un torneiro que elabora utensilios de cociña, xoias naturais, la de ovella galega con denominación de orixe, etc.

Deste xeito está confirmada a presenza de Rocigarcia (cerería), Castrexa (agricultura), Silvereira (bixutería en madeira), Comeluz (impresión gráfica en madeira), Cabanas Rural (la artesá de ovella galega con denominación de orixe), Jose Manuel Prado (artesá que elabora traballos en madeira), Discarlux (carne grumete), Toxo Xel (cosmética natural), Panadería Xallas (degustación de pans), Cienporcel (elaborados de porco celta), Boibel (viveiro forestal), Aceites Abril (aceite galego), Castañas de Galicia (produtos derivadas da Castaña IGP - Castaña de Galicia), Malas Herbas (xoiería con materiais naturais), Asociación Galega de Apicultura, Fento no vento (xoias naturais) e Taberna Casa Abelleira (alimentación).

Música, exposicións e degustacións
O evento tamén dará espazo ás artesanías, exposicións de resinas e un apartado especial para a cosmética e tratamentos naturais, onde se mostrarán cremas, locións e ungüentos terapéuticos. Dese xeito, ao longo da xornada haberá demostracións continuadas sobre traballos de torneado da madeira, a cargo de Jose Manuel Prado; degustación de pan da panadería Xallas; de mel da Asociación Galega de Apicultura; de roxóns da Taberna Casa Abelleira; e de carne de porco celta a cargo de Cienporcel. Durante toda a xornada non faltarán as tradicionais castañas asadas.

Ademais, Discarlux fará unha degustación de pequenas hamburguesas (carne grumete) de 13:30h a 15:00 horas; e pola tarde haberá unha degustación de cogomelos, de 18:00h a 19:00 horas, a cargo de Manuel Rey, do restaurante Kratos. Manuel Rey, recoñecido hostaleiro, ofrecerá recomendacións sobre a preparación e cociñado de cogomelos, mentres prepara un risotto de fungos que se poderá degustar xunto con empanada de cogomelos.

A feira tamén contará cunha exposición de cogomelos e expertos nesta materia, que guiarán aos asistentes na diferenciación dos distintos tipos de fungos e a comestibilidade ou toxicidade dos mesmos. Por último, haberá musica tradicional a cargo do grupo Follas Novas. Farán dous pases, o primeiro ás 13:30 horas e o segundo ás 18:30 horas.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Castañas, miel, carne, roxóns o pan para todos en la Feira do Monte de Ames este sábado"

El Correo Gallego: "Máis de mil persoas gozaron da terceira Festa do Monte en Ames"

Cartaz da III Feira do Monte “Tanto Monte, Monte tanto”

Multimedia

  • Cartaz da III Feira do Monte “Tanto Monte, Monte tanto”
  • Cartaz da III Feira do Monte “Tanto Monte, Monte tanto”