- Tematica
A Xunta de Goberno Local de Ames aprobou no pasado mes de novembro a adxudicación das obras de rexeneración de espazos deportivos no campo de fútbol de Ortoño, por importe de 268.155,30 euros. O proxecto, que forma parte do POS+2022 da Deputación da Coruña, contempla a construción dunha pista polideportiva e outra destinada fundamentalmente á práctica da patinaxe. Tamén se vai habilitar unha explanada pensada para a realización de diversos tipos de eventos e feiras, así como por se é necesaria para facer algún tipo de curso de seguridade viaria.
O campo de fútbol de Ortoño, situado na parroquia de Ortoño, vai gozar dunha rexeneración trala adxudicación das obras incluídas no proxecto que foi aprobado pola Xunta de Goberno Local no pasado mes de novembro. Ditas obras foron adxudicadas á empresa MERAKI CR SL por un importe de 221.615,95 euros mailo correspondente IVE, que ascende á contía de 46.539,35 euros, que suma un importe total de 268.155,30 euros. O proxecto está incluído no POS+ 2022 da Deputación da Coruña.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “esta actuación pretende devolverlle a vida a unha infraestrutura que data do ano 1993 e leva varios anos en desuso. Este proxecto cambiará o uso que se lle estaba a dar a infraestrutura coa construción dunha pista polideportiva, outra para a práctica de patinaxe, e traballos de pavimentación e asfaltado no espazo restante”.
O alcalde de Ames, Blas García, explica que “estase a traballar no acondicionamento dos antigos campos para a práctica do patinaxe e do atletismo, deste xeito aproveitaremos antigos espazos deportivos, hoxe en desuso, como poden ser os campos de Ortoño e, proximamente, Ventín”.
Pista de patinaxe e explanada para eventos
Por unha banda, proponse a construción dunha pista polideportiva e outra destinada fundamentalmente á disciplina da patinaxe con acabado en formigón pulido. De forma anexa a esas pistas contarase cunha explanada formada por un triplo tratamento asfáltico para ser utilizada tanto para a realización de actividades/cursos de seguridade viaria, como para a realización de diversos tipos de eventos e feiras.
O proxecto, tamén, inclúe a mellora do acceso rodado ao recinto. Para iso, executarase una nova apertura no muro de bloque de formigón de pechamento exterior existente, colocando un novo portalón de acceso e un viario coa mínima pendente para chegar á cota do campo.
Para levar a cabo as obras de aglomerado da explanada e aglomerado da pista de patinaxe, executarase en primeira instancia o despexe e roce de toda a superficie afectada, continuando coa escavación do terreo ata a nivelación da superficie que permita dispoñer dunha explanada.
Para a execución da pista de patinaxe/multideporte realizarase unha soleira armada de formigón HA-25 de 15 centímetros de espesor con acabado pulido, que se asentará sobre 15 cm de grava. No caso da explanada aglomerada utilizarase o mesmo paquete que no viario de acceso, con 35 cm de ZA e 5 cm de MBC.
Finalmente levarase a cabo a sinalización horizontal da explanada aglomerada destinada tanto á celebración de eventos como á realización de probas de circuíto para a obtención do permiso de circulación, e a sinalización da pista de patinaxe, dispoñendo tanto as liñas correspondentes que delimiten a superficie de patinaxe como a superficie de pista multideporte, segundo a normativa vixente.
Os traballos de estas dúas actuacións principais complementaranse cunha nova conexión de liña de alumeado para os antigos vestiarios e para as luminarias do antigo campo de fútbol, cunha nova conexión de abastecemento municipal de auga para os antigos vestiarios e coa substitución das carpinterías exteriores.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El campo de fútbol de Ortoño tendrá una pista polideportiva y otra de patinaje"
El Correo Gallego: "El campo de fútbol de Ortoño se abre al patinaje, multideporte, foros y conducción"
Ames Go: "270.000€ para rexenerar o campo de fútbol de Ortoño e engadirlle pistas polideportiva e de patinaxe"