- Tematica
A Corporación municipal aprobou por unanimidade todos os puntos tratados no pleno ordinario de decembro. Deste xeito, foi aprobada a solicitude dunha subvención nominativa á Deputación provincial da Coruña para a execución das obras de creación dunha área de autocaravanas en Bertamiráns. Tamén se aprobou a solicitude dunha subvención, mediante convenio de colaboración, á Deputación provincial da Coruña, para o cofinanciamento da realización das actividades do proxecto Oficina de Transformación Comunitaria do Concello de Ames. Outros temas aprobados foron o inicio de expediente para a elección de xuíz/a de paz titular do Concello de Ames e maila modificación do lote 2 do servizo de monitorización dos programas municipais de conciliación de vida laboral e familiar (monitores de almorzos en Bos días cole). Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.
O último pleno ordinario do ano foi rápido e áxil. En vinte e cinco minutos resolvéronse todos os puntos recollidos na orde do día. Foi un pleno no que houbo consenso e todos os puntos foron aprobados por unanimidade. O pleno comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 338 decretos, do 3.970 ao 4.307. A continuación aprobáronse por unanimidade as actas anteriores, correspondentes á sesión extraordinaria do 30 de novembro e do pleno ordinario de novembro, celebrada tamén o día 30.
De seguido, aprobouse por unanimidade o inicio de expediente para a elección de xuíz/a de paz titular do Concello de Ames. A Corporación municipal aprobou as bases para a elección de xuíz/a de paz titular do Concello de Ames. Aprobadas as bases, procederase á súa exposición pública para a presentación de solicitudes por prazo de 15 días hábiles; examinadas as solicitudes presentadas procederase, por maioría absoluta, á elección de xuíz/a de paz titular do Concello de Ames, propoñendo o seu nomeamento ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Por outra banda, tamén se aprobou por unanimidade a modificación do contrato do servizo de monitores de almorzos en Bos días Cole do Concello de Ames. A modificación atinxe ao lote número 2 do servizo de monitores nos programas municipais de conciliación da vida laboral e familiar do Concello de Ames, que supón unha modificación do 20% e un importe de 64.898,68 euros (43.480,11 euros na anualidade 2023 e 21.418,57 euros na anualidade 2024).
Creación dunha área de autocaravanas en Bertamiráns
Outro dos asuntos que se aprobaron por unanimidade no pleno ordinario de decembro foi a solicitude dunha subvención á Deputación provincial da Coruña para a creación dunha área de autocaravanas en Bertamiráns. Cómpre lembrar que no pleno ordinario de decembro de 2021 xa se aprobou solicitar unha subvención á Deputación para dita área de autocaravanas en Bertamiráns. Naquel momento xa existía un proxecto, e incluso se aprobou o expediente de licitación, pero debido ao incremento de prezos, quedou deserto.
Agora houbo que modificar o proxecto técnico, que conta cun importe de 71.399,30 euros. Deste xeito, solicítaselle á Deputación da Coruña a súa colaboración económica no financiamento do 80% do custe das obras de creación de dita área de autocaravanas, en Bertamiráns. O importe solicitado á Deputación ascende a 57.399,30 euros, mentres que a achega municipal será de 14.000 euros.
Oficina de transformación comunitaria
Por último, aprobouse por unanimidade solicitar á Deputación provincial da Coruña unha subvención, mediante convenio de colaboración, para o cofinanciamento da realización das actividades do proxecto Oficina de Transformación Comunitaria do Concello de Ames. O orzamento total do proxecto ascende a 145.200 euros, sendo cofinanciado polo Concello de Ames con 40.000 euros, o IDAE con 80.000 euros, e a Deputación de A Coruña con 25.200 euros.
Cómpre lembrar que ao Concello de Ames aprobáronlle o proxecto presentado ao programa de concesión de axudas para Oficinas de Transformación Comunitaria para a promoción e dinamización de comunidades enerxéticas (CE OFICINAS), que se enmarca na compoñente 7 «Despregue e integración de enerxías renovables» do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para a execución dos fondos Next Generation EU, cuxas bases reguladoras foron establecidas mediante a Orden TED/1021/2022, do 25 de outubro do Ministerio para a Transformación Ecolóxica e Reto Demográfico. O importe concedido ao Concello de Ames por parte do IDAE ascende a 80.000 euros.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames buscará ayuda en la Diputación de A Coruña para crear un área de autocaravanas"