- Tematica
A Concellería de Deportes e Promoción da Saúde, a través do programa Ames Saudable, organiza un obradoiro de xestión emocional a través da técnica “Mindfulness”. Esta actividade, dirixida a persoas maiores de 18 anos, desenvolverase ao longo de 8 sesións de 1 hora 45 minutos de duración que comezarán o martes 16 de xaneiro. O obradoiro estará impartido polo psicólogo e instrutor da técnica, Juan Carlos Permuy, e terá lugar os martes 16:30 a 18:15 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A proposta conta con 15 prazas. As persoas interesadas poden inscribirse ata o 12 de xaneiro ás 14:00 horas, cubrindo este formulario.
O programa Ames Saudable suma unha nova actividade, neste caso co obxectivo de coidar e promover a saúde mental dos veciños e veciñas de Ames. Deste xeito, dende o 16 de xaneiro vaise desenvolver un obradoiro de regulación emocional, seguindo o método “Mindfulness”. Con esta proposta, búscase ofrecer ferramentas para enfrontarse ás situacións do día a día e mellorar na redución de estrés e ansiedade, na concentración e na memoria.
A actividade vai ter lugar os martes de 16:30 a 18:15 horas, ao longo de oito sesións no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, conducidas polo psicólogo Juan Carlos Permuy. As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o 12 de xaneiro ás 14:00 horas, cubrindo este formulario. Hai 15 prazas dispoñibles, para as que terán preferencia as persoas empadroadas en Ames.
Que é o “Mindfulness”
O “Mindfulness” é unha técnica que ensina a focalizar a atención no momento presente. O obxectivo é conseguir a atención plena, centrándose no que está a suceder “aquí e agora” e aceptándoo sen máis, sen tentar cambiar, nin xulgar nada. “Mindfulness” é un camiño cara á plena consciencia que ensina a quen a practica a concentrarse no que sucede dentro e fóra dun mesmo e que axuda a aprender a renunciar ao ruído e ás distraccións.
A regulación emocional defínese como o conxunto de procesos a través dos cales influímos nas nosas emocións e determinamos cando as temos e como as experimentamos e expresamos. O adestramento en “Mindfulness” mostrou ser unha ferramenta moi eficaz na mellora das habilidades de regulación emocional. Esta capacidade de regular os estados emocionais é considerada como un aspecto esencial da educación integral das persoas, dado que posibilita o benestar persoal, a socialización e os logros laborais e académicos.