- Tematica
O Concello de Ames presentou esta mañá a terceira edición de InnovAmes, unha xornada de innovación para as empresas de Ames que se celebrará o vindeiro 26 de xaneiro no pavillón polideportivo do Milladoiro e na que estarán presentes empresas referentes en innovación afincadas en Ames. O obxectivo deste evento é poñer en valor os recursos e a capacidade de innovación local, fomentando as a colaboración entre empresas e dando a coñecer ao público xeral o capital empresarial de Ames. Para máis información sobre o InnovAmes, pódese consultar a programación do evento nesta ligazón.
O espazo de coworking A Proa do Milladoiro acolleu esta mañá a presentación da III Xornada InnovAmes, que se vai celebrar o vindeiro 26 de xaneiro no pavillón polideportivo do Milladoiro. Ao acto asistiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; unha das organizadoras do evento, Rebeca Mariño, de Designthinking.gal; a representante de Mirabelle Comunicación, Rocío González; a vicedirectora do IES do Milladoiro; e representantes das empresas Sistemius, Codery, Indígena Films, Temporit e Serea Films, así como da Asociación de empresarios Novo Milladoiro.
A xornada InnovAmes é un evento para todos os públicos que busca xerar un espazo para a aprendizaxe e o diálogo, no que as empresas do concello de Ames acheguen as últimas tendencias en innovación e xeren sinerxias que dean lugar a novos proxectos e oportunidades empresariais. Nel tamén participarán varios centros educativos amesás como son o IES de Ames, o IES de Milladoiro, o CEIP Agro do Muíño e o CEIP de Barouta. Estes tres últimos contarán co seu propio stand no evento.
O alcalde de Ames, Blas García, expuxo os motivos polos que o InnovAmes se celebra no Milladoiro: “o polígono industrial do Milladoiro é un polo tecnolóxico e innovador non só no noso concello, senón tamén en Galicia e España”. Ademais, destacou que a finalidade deste evento non é só poñer en valor o talento e a capacidade das empresas amesás, senón tamén “implicar ás novas xeracións no crecemento do tecido empresarial do concello”. Tamén sostivo que o concello seguirá a traballar nesta liña e anunciou que, desde o goberno municipal, se está a estudar a posibilidade de crear unha xuntanza anual co sector tecnolóxico e audiovisual do municipio para impulsar novos proxectos e iniciativas.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, foi a encargada de abrir a presentación. Deste xeito, explicou que a programación deste ano “pretende reunir empresas para compartir novidades e proxectos nos seus sectores, e facilitar a comunicación con escolas e universidades para fomentar as inquedanzas pola innovación”. Así mesmo, agradeceu a colaboración e implicación tanto das empresas como dos centros escolares participantes.
Sobre esta cuestión tamén falou Carmen Porto, concelleira de Mocidade, que explicou que o InnovAmes contará con stands de tres centros educativos (o CEIP Agro do Muíño, con 67 nenos e nenas; o CEIP de Barouta, con 55; e o IES do Milladoiro, con 20) e coa visita do alumnado do IES de Ames. Destacou que para o Concello de Ames é “un pracer que os centros educativos inclúan este evento na súa programación anual, xerando un espazo para a aprendizaxe e o diálogo entre empresas e alumnado para dar pé a novos proxectos”.
Con respecto ás empresas organizadoras do InnovAmes, a representante de Mirabelle Comunicación, Rocío González, subliñou que iniciativas como esta serven para “dar visibilidade á variedade de servizos e posibilidades de continuidade e desenvolvemento empresarial que existen dentro do noso concello”.
Programación
O groso da programación está conformado por charlas e mesas de debate sobre cuestións como a tecnoloxía, a innovación, o audiovisual ou o emprego de novos materiais. Así mesmo, haberá catro grandes mesas de debate sobre a IA desde distintos puntos de vista, como a educación ou o comercio electrónico.
As actividades programadas durante a sesión matinal estarán dirixidas non só ao sector profesional, senón tamén aos centros escolares de Ames, co obxectivo de proporcionar ao alumnado referentes profesionais e laborais, así como fomentar a inquedanza pola innovación entre os máis novos.
Deste xeito, os escolares e representantes das empresas afincadas en Ames poderán escoitar a figuras como Olga Osorio (directora de cinema, xornalista, profesora e fotógrafa) ou Simón Casal de Miguel (guionista, director e montador). Ademais, tamén poderán participar en diversos obradoiros nos que, entre outras cousas, poderán aprender a distinguir textos xerados pola IA de textos escritos por humanos. Durante o descanso da mañá poderán achegarse á mesa saudable para probar os iogures de CLUN Feiraco.
Espazo de exposición
Tamén haberá un espazo de exposición no que os asistentes poderán coñecer de primeira man estes proxectos e outros exemplos innovadores nos que traballan as empresas do concello de Ames, así como os proxectos presentados polos centros educativos.
O evento completarase cunha sesión de tarde, dirixida ás empresas e ao público interesado, na que se poderá escoitar a Iria Rodríguez, directora do departamento de I+D de TEIMAS; ou a Román López, Director de Proxectos Internacionais, Intelixencia artificial e cloud computing en Bahia Software. Tamén se coñecerán os proxectos presentados polas empresas amesás e farase entrega dos premios aos/ás gañadores/as. Así mesmo, o público poderá asistir a diversos obradoiros durante a tarde e, como punto final da xornada, gozarase dunha actuación musical a cargo de María Iglesias e duns petiscos.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "InnovAmes analizará el peso de la inteligencia artificial"