- Tematica
O 26 de xaneiro, a partir das 10:00 horas, o pavillón polideportivo do Milladoiro acollerá a III Xornada InnovAmes, un evento para todos os públicos que busca xerar un espazo para a aprendizaxe e o diálogo, no que as empresas do concello de Ames acheguen as últimas tendencias en innovación e xeren sinerxias que dean lugar a novos proxectos e oportunidades empresariais. Nel tamén participarán varios centros educativos amesás como son o IES de Ames, o IES de Milladoiro, o CEIP Agro do Muíño e o CEIP de Barouta. Estes tres últimos contarán co seu propio stand no evento.
O groso da programación está conformado por charlas e mesas de debate sobre cuestións como a tecnoloxía, a innovación, o audiovisual ou o emprego de novos materiais. Así mesmo, haberá catro grandes mesas de debate sobre a IA desde distintos puntos de vista, como a educación ou o comercio electrónico.
As actividades programadas durante a sesión matinal estarán dirixidas non só ao sector profesional, senón tamén aos centros escolares de Ames, co obxectivo de proporcionar ao alumnado referentes profesionais e laborais, así como fomentar a inquedanza pola innovación entre os máis novos.
Deste xeito, os escolares e representantes das empresas afincadas en Ames asistirán a conferencias e poderán participar en diversos obradoiros nos que, entre outras cousas, poderán aprender a distinguir textos xerados pola IA de textos escritos por humanos.
Por outra banda, tamén haberá un espazo de exposición no que os asistentes poderán coñecer de primeira man estes proxectos e outros exemplos innovadores nos que traballan as empresas do concello de Ames, así como os proxectos presentados polos centros educativos.