- Tematica
A Corporación municipal aprobou a revisión de prezos do contrato de xestión do servizo público do Ciclo Integral da Auga. Ademais, rexeitouse a proposta presentada pola empresa adxudicataria para a revisión de prezos do contrato do Servizo de Axuda no Fogar. Por outra banda, aprobouse a moción presentada polo BNG para demandarlle á Xunta de Galicia que desenvolva accións para paliar as consecuencias da “marea plástica” nas costas galegas; e rexeitouse a moción presentada por Espazo Común para a inclusión no vindeiro orzamento municipal dunha partida de carácter participativo para as asociacións veciñais. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.
O pleno ordinario de xaneiro comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 353 decretos, do 4.308 ao 4.458 correspondentes ao exercicio 2023, e do 1 ao 202, do ano 2024. A continuación aprobouse por unanimidade a acta correspondente á sesión ordinaria do 28 de decembro de 2023.
De seguido, rexeitouse a proposta presentada pola empresa adxudicataria para a revisión de prezos do contrato do Servizo de Axuda no Fogar. Dita proposta foi aprobada co voto a favor dos 8 concelleiros/as do grupo municipal de goberno, mentres que o resto de edís abstivéronse (Partido Popular, BNG e Espazo Común).
O Pleno do Concello de Ames na sesión do 28 de xullo de 2022 aprobou o expediente de licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) nas modalidades de SAF libre concorrencia e SAF dependencia. Tramitado o expediente de licitación o contrato adxudicouse no pleno do 23 de febreiro de 2023 á empresa Osventos Innovación en Servizos SL, por unha duración inicial de dous anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos, incluído período inicial e prorrogas.
O contrato foi asinado o 22 de marzo de 2023 iniciando a súa prestación o 1 de abril de 2023. Posteriormente, o 17 de novembro 2023 dita empresa solicitou a revisión do prezo do contrato argumentando a existencia de custes laborais non tidos en conta polo Concello no momento da licitación do contrato e que se resumen nunha acta do 10 de maio de 2022 asinada entre a empresa Attende Care e maila representación sindical.
O 14 de decembro de 2023 o Concello solicitoulle ao contratista que cuantificase e xustificara os custes que alegaba. O 27 de decembro de 2023 o contratista achegou dita cuantificación. Analizado o contido da documentación constátase que na acta do 10 de maio de 2022 non recolle novas condicións laborais ou circunstancias salariais non tidas en conta no momento da licitación, dado que é un resumo de acordos acadados anteriormente. Deste xeito, o Pleno desestimou a revisión de prezos do contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) nas modalidades de SAF libre concorrencia e SAF dependencia.
Revisión de prezos do servizo público do Ciclo Integral da Auga
Por outra banda, aprobouse a revisión de prezos do contrato do servizo público do Ciclo Integral da Auga. Este punto saíu adiante co voto a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno, mentres que o resto de edís abstivéronse (Partido Popular, BNG e Espazo Común).
Cómpre lembrar que no pleno ordinario do 29 de decembro de 2022 acordouse a continuidade da prestación do servizo do Ciclo integral da auga pola concesionaria Espina & Delfín SL, a partir do 31 de decembro de 2022 ata o 30 de abril de 2023, salvo que anteriormente se acadase a prestación do servizo polo Concello, mantendo as mesmas condicións do contrato asinado o 27 de xaneiro de 2017 e as addendas posteriores.
No pleno celebrado o 11 de maio de 2023 acordouse a creación da entidade pública empresarial Augas de Ames EPEL, así como a aprobación dos seus estatutos. Posteriormente, o 31 de outubro de 2023 a concesionaria do servizo solicitou a revisión de prezos para o 2024 cifrando o incremento nun 2.24%. Deste xeito, o Pleno aprobou a segunda revisión de prezos unitarios do contrato de xestión do servizo publico Ciclo integral da agua do Concello de Ames dende o 1 de xaneiro de 2024, conforme á formula prevista na cláusula 18 dos pregos de cláusulas administrativas particulares.
Tras a revisión do 2,24% o importe dos prezos será o seguinte:
-Prezo m3 facturado por abastecemento ETAP: 0,624 euros/m3.
-Prezo m3 facturado por saneamento e depuración: 0,624 euros/m3.
-Prezo de circulación pola rede de auga en alta por m3 de auga facturada a Teo: 0,00 euros/m3.
-Prezo m3 de auga en alta facturada ao concello Brión con ETAP: 0,2935 euros/m3.
-Prezos Anexo VI: incremento do 2,24%, salvo que se apliquen ao mantemento correctivo en cuxo caso non se incrementaran no importe indicado, mantéñense os da oferta inicial do contratista.
Moción sobre a inclusión dunha partida orzamentaria para as asociacións veciñais
Por outra banda, abordáronse dúas mocións. A primeira presentada polo grupo municipal de Espazo Común, para a inclusión no vindeiro orzamento municipal dunha partida de carácter participativo para as asociacións veciñais.
Na proposta de acordos recollíase que o goberno do Concello de Ames se comprometese a incorporar no vindeiro orzamento unha partida para este fin. Tamén se solicitaba que o goberno do Concello de Ames se comprometese a elaborar unhas bases de participación que regulasen os proxectos que se poden presentar e as contías que se destinarían a tal fin para cada asociación; que se adiantasen esas contías en función do proxecto presentado no que se debería recoller o orzamento da iniciativa ou iniciativas, así como a Concellería/as a onde vai dirixido; e que se establecese unha contía predeterminada para actuación non inferior a 3.000 euros nin superior a 6.000 euros.
Dita moción foi rexeitada co voto en contra dos oito concelleiros/as do grupo de goberno. A concelleira de Espazo Común e mailos/as edís do BNG votaron a favor, mentres que os/as concelleiros/as do Partido Popular abstivéronse.
Moción para paliar as consecuencias da “marea plástica”
Na segunda moción, que foi presentada polo grupo municipal do BNG, demándase que a Xunta de Galicia desenvolva accións para paliar as consecuencias da “marea plástica” nas costas galegas. En dita moción solicítaselle á Xunta que faga efectiva a súa colaboración cos Concellos poñendo á súa disposición de inmediato todos os medios técnicos, materiais e humanos suficientes para facer fronte á crise ambiental que están a vivir; aumente o persoal de limpeza das praias ao seu cargo, de xeito que ningún areal afectado quede sen atender; e centralice e se faga cargo de todas as xestións de reclamación de danos e resarcimento de gastos aos Concellos por parte da aseguradora do buque que provocou o accidente.
Ademais, solicítaselle que despregue todos os buques e helicópteros do Servizo de Gardacostas de Galiza para intensificar a vixilancia e actuar de inmediato; leve a cabo os estudos necesarios nos centros de investigación propios e en colaboración coas universidades galegas para determinar a composición e efectos dos plásticos, tanto na flora e fauna costeira como nas persoas; e atenda a afectación que a marea plástica puidese ter na actividade pesqueira e marisqueira das nosas rías e, como consecuencia, nos traballadores e traballadoras do mar.
Esta moción foi aprobada co voto a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno, BNG e Espazo Común. Os/as concelleiros/as do Partido Popular votaron en contra.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "La corporación de Ames aprobó un aumento del 2,24 % de los precios del servicio de agua"
Lindeiros: "Ames aproba en pleno a revisión dos prezos da auga"
Ames Go: "Os prezos do SAF e do ciclo da auga, a pleno en Ames"