Pestanas principais

Os Premios Youtubeiras xa teñen gañadoras

Luns, 19 de febreiro de 2024

O proxecto Youtubeiras celebrou este sábado, 17 de febreiro, a gala de entrega dos seus premios no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Ao longo do acto, presentado por Nuria Vil e Gabri Fuentes, entregáronse oito galardóns, todos eles acompañados dunha dotación económica. Nesta edición presentáronse 68 canles diferentes, ás que hai que sumarlle os 24 vídeos propostos pola audiencia a través das redes sociais, o que supón máis de 32.400 minutos de contidos en galego en Youtube.

Youtubeiras é proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de nove concellos, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña que busca  fomentar a creación en galego en YouTube con temáticas e formatos diversos, así como  promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede.

O pasado sábado, 17 de febreiro, o Teatro Principal de Santiago de Compostela acolleu a gala de entrega de premios Youtubeiras 2023. O acto, presentado por Nuria Vil e Gabri Fuentes, contou coa actuación de Mondra.

Ao longo da noite, Youtubeiras entregou os oito galardóns nos que se divide o certame, todos eles acompañados cunha dotación económica de mil euros (agás o premio do público, que conta con 500 euros).  Nesta edición, o xurado estivo conformado por Nee Barros, gañadora do Premio Youtubeira na edición anterior; Fátima Souto Muñiz, exbolseira do Servizo de Normalización do Concello de Ames; Irene Pin, creadora audiovisual; Rodri Míguez, xornalista musical e membro de equipos de comunicación de festivais e artistas; e Belén Puime, creadora de contido audiovisual a través do perfil @pringadas.serie tanto en TikTok como en Instagram.

Premiados dos Youtubeiras 2023
O premio Canle recoñeceu este ano a OU Ké! O xurado escolleu esta Canle pola “súa profesionalidade, a súa calidade técnica e o seu coidado na estética”, así como polo seu “impacto”, pola súa “integración entre os medios de comunicación” e “pola súa pluralidade de voces”.

O premio Youtubeira foi para Recuncho Gamer.  Os membros do xurado salientaron a súa ampla “actividade en todas as redes”, a súa “orixinalidade” e a súa vontade de “incorporar referentes doutros ámbitos no mundo dos videoxogos para lle dar maior visibilidade”.  

O premio Youtubeira Revelacion recaeu en O faiado Podcast, pola súa capacidade parar “xerar espazo para a cultura pop en galego” e “chegar ás xeracións máis novas”. Tamén subliñou a súa aposta por “crear un universo transmedia con presenza nas tres redes máis empregadas pola mocidade (instagram, tiktok e youtube)”.

O premio Vídeo distinguiu a peza Unha fin de semana en londres, da canle todomalva Gz. O xurado destacou a súa capacidade para “transmitir tanta intimidade nun vídeo”, e a súa “orixinalidade no formato e a construción do relato”.

O premio Calidade Lingüística levouno olaxonmario, en recoñecemento á súa “capacidade de difusión” e á súa “conexión coa lusofonía, así como “polo coidado da lingua” e “a conservación dos trazos dialectais”.

O premio Pioneiro distinguiu a FicaCoabola. O xurado gabou a “entrega e dedicación” desta canle para “xerar contidos e crear comunidade” ao redor da actualidade deportiva local.   

O premio Rede foi para Youtube en Galego por ser “unha canle feita para dar a coñecer e fortalecer as relacións entre persoas creadoras”. Nese senso, o xurado enxalzou o seu traballo anovador ao impulsar “un tecido asociativo arredor do youtube en galego”.

Por último, o premio do público acadouno Savia Nova. O xurado decidiu ratificar o vídeo máis votado proposto polo público: De Galicia a Namibia estudando guepardos. Na acta do xurado, “púxose en valor a calidade técnica, o impacto e a orixinalidade do tema tratado”.

Finalistas
Nesta edición un total de 18 canles finalistas aspiraban a conseguir algún dos premios que se entregaron o pasado sábado. Este ano, no que participaron vídeos subidos entre novembro de 2022 e novembro de 2023, presentáronse 68 canles diferentes. A esta cifra súmanselle os 24 vídeos propostos pola audiencia a través das redes sociais. Todos os vídeos subidos neste período polas 68 canles concorrentes supoñen máis de 32.400 minutos de contido en galego en Youtube.

Gala de entrega de premios
Á gala asistiron representantes das institucións que conforman a organización de Youtubeiras. Algúns deles, como o alcalde de Ames, Blas García, e a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, subiron ao escenario para facer entrega de galardóns aos premiados. Tamén entregaron premios a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a deputada de Lingua da Deputación da Coruña, Soledad Agra; a concelleira de Cultura e Festas de Carballo, Maruxa Suárez Cotelo; o concelleiro de Urbanismo de Pontevedra, Alberto Oubiña Play; a concelleira de Cultura de Rois, Victoria Quiroga, e o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago, Gumersindo Feijoo.

Por parte da Deputación da Coruña, tamén estivo presente a súa deputada de Cultura, Natividade González. Tamén acudiron á gala a concelleira do BNG de Ames, Escarlata Pampín, e varios membros da corporación municipal de Santiago de Compostela.

Gañadores dos premios Youtubeiras 2023

Multimedia

  • Gala de entrega dos premios Youtubeiras 2023
  • Gala de entrega dos premios Youtubeiras 2023
  • Gala de entrega dos premios Youtubeiras 2023