- Tematica
Esta mañá o Goberno municipal presentou o novo orzamento para o exercicio 2024, que ascende á cifra de 32.568.424,74 euros. Trátase do oitavo orzamento que se presenta de xeito consecutivo dende o ano 2017. Segundo o Goberno local trátase dun orzamento que segue a mesma liña de orzamentos de anos anteriores, onde se blindan áreas como a educación, os servizos sociais e os servizos básicos. A principal área de gasto pasa a ser educación co 22,30% do total do orzamento. Esta área medra respecto a 2023 un 3,56%. A segunda área con maior gasto é benestar comunitario co 16,80%, e na terceira posición está servizos sociais e promoción social, que representa o 9,80% do orzamento total. O pasado venres, 16 de febreiro, celebrouse a Comisión Informativa de Economía e Facenda e Especial de Contas e este xoves, 22 de febreiro, haberá un pleno extraordinario para debater e aprobar de xeito inicial, se procede, dito orzamento.
Esta mañá o Goberno municipal presentou no salón de plenos da Casa do Concello as liñas principais do orzamento de 2024. A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, foi a encargada de facer a presentación das contas para o vindeiro exercicio. Tamén interviron Víctor Fernández, voceiro do grupo de goberno, e Blas García, alcalde de Ames. Todos/as os/as concelleiros/as do grupo de Goberno asistiron á presentación de dito orzamento.
Antes de dita presentación o Goberno municipal mantivo diferentes contactos cos diferentes grupos políticos da oposición e deu un prazo para achegar propostas co obxectivo de tratar de chegar a acordos, para a aprobación do Orzamentos municipal de 2024 do Concello de Ames. O Goberno municipal tamén negociou en Mesa Xeral de Negociación, cos representantes sindicais do persoal municipal, o crédito asignado ao Capítulo I de persoal.
Unha vez ditaminado na Comisión Informativa de Economía e Facenda e Especial de Contas, que se realizou o pasado venres 16 de febreiro, este xoves 22 de febreiro, ás 20.30 horas, celebrarase un pleno extraordinario para aprobar de xeito inicial o orzamento xeral de 2024, así como a aprobación da masa salarial do persoal laboral para o vindeiro exercicio. Tratase do oitavo orzamento consecutivo que aprobará, se procede, a Corporación municipal do Concello de Ames dende o ano 2017.
Intervencións dos membros do Goberno municipal
O alcalde de Ames, Blas García, destacou “o esforzo na elaboración deste orzamento, sobre todo porque é o orzamento máis grande da historia do Concello de Ames. En 2017 o orzamento que tiñamos ascendía a 23 millóns de euros e sete anos despois temos un orzamento total de 32 millóns euros, co cal incrementamos en 9 millóns de euros o orzamento municipal durante os últimos sete anos e iso require dun esforzo importante. Po iso gustaríame poñer en valor o esforzo deste goberno en minoría que leva demostrando nestes oito meses de goberno que con tesón, dedicación e gañas se poden facer moitas cousas”.
Blas García tamén dixo que “o Concello de Ames é un concellos fundamentalmente prestador de servizos. A aposta deste e de gobernos anteriores foi sempre apostar polos servizos de calidade para os veciños e veciñas de Ames, por iso o concello de Ames é o único de Galicia que ten un saldo vexetativo positivo, e é dos poucos concellos galegos que nos últimos anos medrou de maneira destacada, dobrando a súa poboación dende o ano 2000 ata a actualidade. A pesar de non ser unha competencia propia do Concello estamos investindo o 22,30% do orzamento na área de educación, principalmente en servizos de conciliación, comedores escolares, ademais doutros investimentos nos centros escolares que non son competencia directa do concello, pero aínda así apostamos por prestar estes servizos. Ademais, apostamos por outros servizos que xa comezaron a prestarse o ano pasado, e fan que se incremente o orzamento como son o servizo de xardinería, limpeza viaria que se está prestando no rural, o incremento do Servizo de Axuda no Fogar e o servizo de Xantar na Casa que se vai reforzar este ano”.
A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, dixo que “este orzamento segue a mesma liña de orzamentos de anos anteriores, onde se blindan áreas como a educación, os servizos sociais e os servizos básicos, que para nós teñen unha relevancia moi importante xa que o noso é un dos concellos máis novos de Galicia. Este orzamento segue as mesmas liñas que en anos anteriores; mantéñense todas aquelas actividades que xa viñamos desenvolvendo, algunhas se amplían e outras se implementan. Para nós é unha prioridade atender todas as necesidades dos veciños e veciñas de Ames. Trátase dun orzamento social, equilibrado, feito de xeito responsable e, sobre todo, sostible, que sigue garantindo a mellora deses bens e servizos e actividades que se ofertan aos nosos veciños e veciñas”.
Novos proxectos incluídos no orzamento
Susana Señorís destacou varios proxectos que se van poñer en marcha durante este ano. “Temos unha nova empresa municipal de augas que entrará en funcionamento en abril de 2024. Imos crear un plan de saúde mental, que é unha necesidade moi importante neste concello, no que nos centraremos na atención e escoita aos veciños que se acheguen ao Concello para que teñan unha persoa que os escoite, que os oriente para poder ter as ferramentas para ter unha mente sa, porque non todo é deporte, a cabeza tamén é importante. Ímonos centrar nos nosos maiores, creando un plan de Soidade 0, onde pretendemos que aquelas persoas que están soas teñan a alguén que poida escoitalos e a quen recorrer para ter unha liña directa de axuda co Concello.
“Ademais, imos sacar o mantemento do alumeado público; agora mesmo todo o alumeado do concello é LED, co que somos referente en aforro enerxético, pero agora precisamos un mantemento para toda esta rede de alumeado municipal. Imos crear unha liña de axuda a deportistas de base; xa temos unha liña para os clubs e outras asociacións, e agora imos apostar por eses pequenos deportistas que están arrancando e que moitas veces non teñen os medios necesarios. Imos facer melloras na recollida do lixo, e crearemos un plan de promoción turística para poder trasladar a todo o mundo todo o que Ames pode ofrecer á contorna e aos visitantes”.
Por último, o voceiro do grupo de goberno, Víctor Fernández, explicou que “son uns orzamentos históricos pola contía dos mesmo que ascenden a 32.568.424,74 euros, o que supón un incremento de 2.843.117,97 euros respecto do anterior orzamento de 2023. Este orzamento inclúese unha partida orzamentaria de 1.388.050,12 euros para a posta en marcha da empresa municipal de auga de Ames. Son uns orzamentos ambiciosos e a través dos cales se fai unha forte aposta polo eido social e cun incremento en todas as áreas de gasto. Polo que seguimos mantendo ese modelo de concello que se leva facendo dende o ano 2015, no que se aposta polas políticas sociais, de conciliación, de servizos básicos, ao tempo que se mantén o capítulo de ingresos sen ter que facer un maior esforzo económico en materia de impostos ou de taxas. Este orzamento vai permitir darlle un impulso importante ao concello de ames. Ademais, son uns orzamentos que se presentan en tempo e forma”.
Gastos e ingresos por capítulos
Respecto aos gastos prodúcese unha subida moi importante en gastos de persoal, que supoñen un 36,27% do orzamento total. No capítulo de persoal habilítase unha partida de 200.000 euros para adecuacións retributivas singulares, e onde tamén se van a manter aquelas partidas de gratificacións e horas extras. Con respecto ao ano 2023, supón unha subida do 2,44%. Con dita partida preténdese comezar a traballar na actualización da Relación de Postos de Traballo (RPT) que leva sen actualizar dende o ano 2007.
Sobre os investimentos reais, que se recollen no capítulo 6, a concelleira se Servizos Económicos explicou que son aqueles investimentos que son proxectos a afrontar de cara a este ano 2024, onde se engloban todas as áreas que na súa maioría dependen de fondos doutras administracións, como pode ser a Deputación da Coruña. Tamén destacou que para este capítulo se van a destinar 1.639.306 euros de fondos propios.
A gastos correntes, bens e servizos destínase un 48,34%. Estes son os gastos necesarios para o funcionamento e desenvolvemento operativo do concello. Aquí enmárcase a limpeza viaria, os servizos de mantemento, as escolas infantís, e todos aqueles subministros similares. “Todos os servizos melloran e, na medida que se pode, amplíanse”, indicou Susana Señorís.
Gasto por áreas
O orzamento ascende á cifra de 32.568.424,74 euros, medrando en 2.843.117,97 euros respecto do anterior orzamento de 2023. Segundo o Goberno local continuase incrementando o orzamento ano tras ano e consolidando ese incremento co compromiso de reforzo e ampliación dos distintos servizos prestados polo Concello nas distintas áreas de gasto e continuando co esforzo inversor con fondos propios, que acompañan aos investimentos financiados con transferencias do Estado, da Comunidade Autónoma e da Deputación da Coruña.
A principal área de gasto pasa a ser educación co 22,30% do total do orzamento. En dita área entran todos os servizos de conciliación que ofrece o Concello (comedores, lúdicos, Bos días coles, Tardes divertidas...).Esta área medra respecto a 2023 un 3,56%. A segunda área con maior gasto é benestar comunitario co 16,80%, e na terceira posición está servizos sociais e promoción social, que representa o 9,80% do orzamento total. Outras partidas importantes son Vivenda e Urbanismo (6,80%), Cultura (6,30%), Medio Ambiente (4,40%), Infraestruturas (4,30%), Promoción do Emprego (3,70%) e Deportes (3,50%).
Orzamento EPEL de Ames
A concelleira de Servizos Económicos tamén explicou que a nova empresa Empresa Pública da Auga de Ames vanse destinar 1.388.050 euros. Dita empresa municipal de augas está previsto que comece a funcionar o día 1 de abril de 2024. Os ingresos que se contemplan son os relativos ao segundo e terceiro trimestre do ano 2024. “Os gastos que se orzamentan son prudentes, xa que co inicio dunha actividade temos que ver un pouco como vai rodando e arrancando esta nova empresa da auga”, dixo Susana Señorís.
Capítulos de gasto e ingresos
Sobre o orzamento consolidado de gastos cómpre destacar no Capítulo I, que ascende a 11.807.740 euros, que son os gastos de persoal, que xa incluiría aos novos traballadores que se subrogarán para a nova empresa pública da auga de Ames. No capítulo 2 existe unha partida de 15.820.268 euros. O capítulo 4, que atinxe ás transferencias correntes, ascende a 1.450.767 euros. E o capítulo 6, que é un dos capítulos tamén moi importantes, que son os investimentos reais, ascende a 3.302.761 euros (cunha contía de 1.639.306 euros de fondos propios).
No capítulo de ingresos, no capítulo 1, recóllense os impostos indirectos (o IBI ou o IVTM). Sobre estes impostos a concelleira dixo que “non se vai incrementar a cota do IBI. De feito, o IBI mantén o 0,5 na natureza urbana, o 33 na rústica e 1,3 naqueles bens de características especiais. O IVTM sofre un lixeiro incremento con respecto ao ano 2023. Tamén se englobarían as plusvalías, que tamén teñen unha pequena subida, pero non é debido a unha modificación do tipo impositivo, senón a todos aqueles cambios que se produciron nas leis que regulan este imposto”.
“Con respecto ao capítulo 2, que son os impostos indirectos, aquí diríamos que o ICIO baixa un pouco con respecto á recadación do ano 2023. No capítulo 3, que son as taxas, si que hai unha modificación á alza debido a esa subida que imos ter na recollida do lixo para adecualo á nova normativa que temos que seguir. No 4, que son as transferencias correntes, destacar que temos unha previsión dos tributos do Estado de 1.705.993 euros. Este sería un pouco o resumo do capítulo de ingresos”.
Capítulo de Persoal
A concelleira de Servizos Económicos tamén quixo destacar o incremento en gastos de persoa e de bens e servizos. “Na comparativa do ano 2023-2024 queremos salientar dous capítulos que quizais sexan os máis importantes. Son os gastos de persoal, porque todos sabemos que un Concello funciona grazas aos traballadores/as, que son o eixo que fai que o Concello funcione. Como podemos ver, no 2024, produciuse unha subida dun 6,93% con respecto ao ano 2023. Nesa partida de bens e servizos son 1.054.096,97 euros, que con respecto ao ano 2023 supón un 7,14% máis. Como podedes ver o orzamento do 2023 tiña un importe de 29.725.306,77 euros, onde este ano 2024 (que inclúe a empresa da auga) son 32.568.424,74 euros. O gasto en persoal e en bens e servizos aumentou tamén desde anos anteriores”.
Transferencias doutas administracións
Durante a presentación do orzamento de 2024 tamén se destacou que “moitas das actividades e obras que facemos neste concello é grazas ás transferencias doutras administracións”. En 2024 a Deputación achega 979.500,37 euros, a través do POS+ 2024, mentres que a Xunta de Galicia achega 31.624,23 euros. Sobre ditas achegas Susana Señorís dixo que a Deputación “achega case 1 millón de euros para poder investir en obras e melloras para a veciñanza de Ames. Tamén temos en conta que máis adiante a Deputación sacará un plan complementario, do que tamén esperamos poder ter unha achega”.
A concelleira explicou que “o 77% do POS+ 2024 vai única e exclusivamente para investimentos no rural. Este concello, como saben, ten dous núcleos importantes (O Milladoiro e Bertamiráns), pero non podemos esquecernos do rural, onde tamén teñen as súas necesidades de servizos básicos e de melloras. Esta melloras vanse facer nas parroquias de Biduído, Ameixenda, Milladoiro e Bertamiráns”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El gobierno local de Ames presenta un presupuesto de 32,5 millones este año"
El Correo Gallego: "Os orzamentos de Ames superan os 32,5 millóns e blindan as áreas de Educación e Servizos Sociais"