Pestanas principais

O goberno local e o grupo municipal do BNG asinan un acordo para a aprobación do orzamento de 2024

Mércores, 21 de febreiro de 2024

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá o acto de sinatura do acordo entre o goberno local (PSdeG - PSOE) e o grupo municipal do BNG para a aprobación do novo orzamento para o exercicio 2024, que foi presentado o pasado luns 19 de febreiro. Dito acordo asínase despois de varias xuntanzas levadas a cabo entre ambos grupos políticos e da análise das necesidades económicas e sociais do concello de Ames. Estes orzamentos debateranse en pleno extraordinario o vindeiro xoves, 22 de febreiro. O grupo municipal do BNG facilitará a aprobación do orzamento de 2024 cun voto de abstención. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

O alcalde de Ames, Blas García, e mailo voceiro do grupo municipal do BNG, David Santomil, asinaron esta mañá o acordo que permitirá aprobar o orzamento municipal para o exercicio 2024. A dito acto tamén asistiu a primeira tenente de Alcaldía e concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, e maila concelleira do BNG, Rosalía Seijas. Tamén participaron o resto de concelleiros/as do goberno municipal e do grupo municipal do BNG. Trátase dun acordo político entre os grupos municipais do PSdeG-PSOE e do BNG de Ames ao que se chegou a partir das xuntanzas levadas a cabo entre ambos grupos políticos e da análise das necesidades económicas e sociais do concello de Ames.

O alcalde, Blas García, comezou dicindo que “a política é, precisamente, isto que estamos facendo  hoxe, é chegar a acordos, a consensos, e pensar fundamentalmente nos veciños e veciñas, que son aos que nos debemos. Este acordo que asinamos hoxe, vai a permitir que mañá se aproben os orzamentos no pleno, é un acordo que non beneficia nin ao PSOE, nin ao Goberno, nin ao BNG; é un acordo que vai beneficiar a toda a cidadanía do noso concello porque, ademais, é o orzamento máis grande da historia deste concello e que pivota sobre 3 eixos fundamentais. Son orzamento sociais, pensados e dirixidos ás  persoas; pensados para mellorar servizos municipais, un servizos que facilitaron o crecemento poboacional do concello, e que se van manter e mellorar con estes orzamentos”.

O rexedor municipal engadiu “tamén é un acordo que non se desvía da folla de ruta de gobernos anteriores, unha ruta coa que buscabamos defender e responder aos intereses dos nosos veciños e veciñas. Sen dúbida queda traballo por diante; este é un paso inicial importante pero non o definitivo. Este acordo axúdanos a adiantar os prazos para empezar a dispoñer do orzamento municipal, e queda o traballo de poñer en marcha os plans e proxectos do acordo, e polo tanto, do propio orzamento. Quero destacar o traballo ques estamos facendo xa para deseñar o Ames do futuro, da próxima década, que forma parte desa Axenda Urbana na que xa estamos traballando e que marcará como será o Ames que queremos, tanto no rural como no urbano. Agradezo unha vez máis a disposición do BNG, facilitando a súa abstención para que saían adiante os orzamentos mañá”.

O voceiro do grupo municipal do BNG, David Santomil, explicou que “sendo consecuentes co traballo feito en anos anteriores, cando formábamos parte do goberno de coalición, entendemos da importancia de que o Concello conte cun orzamento aprobado por moitos motivos. Por responsabilidade, para facilitar a aprobación do orzamento, imos a absternos para ter unhas contas de esquerdas co obxectivo de facer políticas de esquerdas. Dende o BNG o que queremos poñer en valor é a negociación, o diálogo, o acordo e maila transparencia, por iso realizamos este acto público para dar a coñecer as principais liñas de dito acordo, para dispor dun orzamento baseado no benestar social e a igualdade de oportunidades; na dinamización económica e creación de emprego; nas políticas de vivenda e de atención á dependencia; así como no fomento da cultura, do idioma galego, e do deporte de base”.

A concelleira de Servizos Económicos e primeira tenente de Alcaldía, Susana Señorís, dixo “creo que é relevante para todos e para todas este acordo político entre o PSOE e o BNG para que poidamos sacar adiante os novos orzamentos municipais. Como ben todos sabedes, é o documento que vai a marcar o rumbo para este ano 2024; xa coñecedes o seu funcionamento por reunións previas que tivemos sobre esta cuestión, nas que se explicaron as liñas que ía seguir este documento para este 2024. Grazas a eses intercambios de opinións e diálogo estamos hoxe aquí, asinando este acordo para que os veciños e veciñas de Ames poidan seguir coas actividades que impartimos, e beneficiarse de novos proxectos e investimentos”.

Acordo baseado en cinco eixos
Dito acordo está baseado en cinco eixos. O primeiro atinxe ao benestar social e á igualdade de oportunidades, fortalecendo os servizos públicos municipais de calidade, para facer fronte ás consecuencias sociais da actual crise de prezos e coa fin de evitar situacións de exclusión. Neste senso, as políticas de vivenda e de atención á dependencia constitúen unha prioridade.

En segundo lugar, no acordo recóllese a dinamización económica do concello, a humanización e a revitalización dos espazos urbanos e rurais, incrementando o investimento e apostando pola innovación para crear emprego de calidade. Tamén se fai referencia á mobilidade sostible e segura, na que as persoas ocupen o centro das políticas públicas. O cuarto punto atinxe á promoción do concello e o fomento da cultura e o idioma galego, do deporte de base e das actividades interxeracionais. O quinto e último punto fai referencia ao desenvolvemento da Axenda Urbana 2030, mediante mecanismos de participación social e transparencia.

Para lograr estes obxectivos as partes consideran fundamental dar continuidade aos proxectos e investimentos aprobados durante os anteriores mandatos no que ambos grupos políticos formaban parte do goberno municipal. En particular os relacionados co Plan Único POS+ da Deputación da Coruña, o Plan Ames Progresa e o Plan Impulsa Ames que poidan requirir da existencia de recursos económicos para poder executalos, como é o caso particular do Centro de Mocidade do Milladoiro.

Do mesmo xeito, o goberno municipal comprométese a incluír no proxecto de Orzamentos para o ano 2024 as seguintes dez actuacións:

1.- Incorporación do Concello de Ames á Mancomunidade Serra do Barbanza como membro de pleno dereito, na procura dun modelo sustentable no tratamento do lixo que aposte pola reciclaxe e a compostaxe. Para o que será necesario coñecer a situación económica e ambiental da planta de Servia e facilitar a actualización das taxas polo tratamento do lixo. Asumindo, previsiblemente, os sobrecustos que poidan derivarse da incorporación á Mancomunidade.

2.- Desenvolver as parcelas susceptibles de posta a disposición da Xunta de Galicia para a construción dun Centro de Día público.

3.- Desenvolver as parcelas destinadas a vivenda pública no Milladoiro e/ou Bertamiráns, para poñelas a disposición da Xunta de Galicia.

4.- Fomentar a utilización dos baixos comerciais sen actividade prolongada no tempo para
destinalos a vivenda de alugueiro, como medida de valorización do espazo urbano, de freo á suba de prezos e a actual falta de dispoñibilidade de vivenda en alugueiro.

5.- Construción da cociña central para os comedores escolares municipais, podendo ampliarse a outros servizos de atención domiciliaria e benestar social, como é o caso de Xantar na Casa ou a Axuda no Fogar.

6.- Incorporación de bonificacións nas taxas municipais do ICIO para a poboación menor de 30 anos que desexe establecer a súa primeira residencia no concello de Ames.

7.- Solicitude ao goberno do Estado do traspaso ao Concello de Ames da titularidade do tramo ferroviario abandonado en Fraiz e A Moniña, coa finalidade de acondicionalo para o uso peonil e da bicicleta.

8.- Mellora dos equipamentos culturais e deportivos, tanto nos centros socioculturais das
parroquias como nas seguintes fases de reforma das Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns. Realizarase un estudo para optimizar os horarios de utilización dos pavillóns polideportivos municipais e dos centros de ensino atendendo ás necesidades e prioridades dos clubs locais.

9.- Dotar unha partida económica para teitar espazos onde adoita reunirse a mocidade, como pode ser o caso das pistas deportivas exteriores ou os anfiteatros.

10.- Fomentar a utilización do idioma galego e ampliar o proxecto de intervención lingüística “Modo Galego” nos espazos educativos, culturais e deportivos, así como a adquisición de publicacións e xornais en galego nas bibliotecas municipais.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "La abstención del BNG de Ames permite aprobar un presupuesto con «políticas de esquerdas»"

El Correo Gallego: "Blas García y David Santomil rubrican el acuerdo para aprobar los presupuestos de Ames"

El Correo Gallego: "El BNG de Ames firma la abstención presupuestaria por la cocina central, vivienda y Serra de Barbanza"

O goberno local e o grupo municipal do BNG asinan un acordo para a aprobación do orzamento de 2024

Multimedia

  • O goberno local e o grupo municipal do BNG asinan un acordo para a aprobación do orzamento de 2024
  • O goberno local e o grupo municipal do BNG asinan un acordo para a aprobación do orzamento de 2024
  • O goberno local e o grupo municipal do BNG asinan un acordo para a aprobación do orzamento de 2024
  • O goberno local e o grupo municipal do BNG asinan un acordo para a aprobación do orzamento de 2024
  • O goberno local e o grupo municipal do BNG asinan un acordo para a aprobación do orzamento de 2024