- Tematica
A edición deste ano do programa Encontros Literarios continúa este xoves, 7 de marzo, coa presentación da obra “A conto do político”, de Alfredo Conde. Estará acompañado do autor, investigador e crítico, Xosé Antonio López Silva. O acto, que estará presentado polo alcalde de Ames, Blas García, será ás 20:00 horas no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. A entrada será libre ata completar aforo.
O departamento de Bibliotecas municipais de Ames, dependente da Concellería de Cultura, continúa coas presentacións de libros enmarcadas no programa Encontros Literarios. A finalidade destas presentacións é dar a coñecer novas autoras/autores, así como as obras de autoras/autores consagrados, entre a veciñanza amesá. Este programa contou cunha ampla participación nas anteriores edicións de 2021 e 2022.
Este quinto encontro da nova tempada 2023-2024 terá como protagonista ao escritor e político Alfredo Conde, que presentará o seu último libro “A conto do político”, editado por Ézaro. O autor estará acompañado do autor, investigador e crítico Xosé Antonio López Silva. O acto, que terá lugar este xoves 7 de marzo no Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 20:00 horas, estará presentado polo alcalde Ames, Blas García. A entrada será libre ata completar aforo.
Alfredo Conde
Nado en Allariz e licenciado en Náutica e en Filosofía e Letras, é Cabaleiro da Orde das Artes e as Letras en Francia. Foi deputado no Parlamento de Galicia e conselleiro de Cultura durante o mandato de Fernando González Laxe.
Actualmente é un dos autores con maior proxección internacional das letras galegas contemporáneas. Cultivou diversos xéneros literarios entre os que destacan a novela, o relato e a poesía. Coa novela “El Griffón” converteuse no primeiro autor en obter o Premio Nacional de Literatura cunha obra escrita orixinalmente en galego.
Sinopse de “A conto dun político”
O texto, organizado por décadas, comeza contextualizando a carreira cultural e literaria do autor para, posteriormente, facer un balance do paso de Conde pola política.
Trátase dun libro cheo de referencias a persoas e institucións, caracterizado por un estilo mordaz e irónico, e escrito desde unha perspectiva independente centrada na realidade subxacente do mundo político. Neste libro, o lector nalgúns casos atopa información para, noutros, ter que recorrer á memoria e ler entre liñas.
Sesións da nova tempada
Ademais, para pechar o mes de marzo, o xoves 21 Patricia Guerrero presentará “El libro que tu perro quiere que leas”, da editorial Grijalbo.
Novas relacionadas:
Ames Go: "Xoves, 7: Alfredo Conde presenta libro nos Encontros Literarios de Ames"