- Tematica
Dende a Concellaría de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado informan que se adía a carreira da muller “Moitos camiños, mesma meta”, que estaba prevista para este venres 8 de marzo. Esta actividade forma parte da programación do Día Internacional da Muller 2024. A proba suspéndese debido a que a previsión meteorolóxica apunta choiva para o venres pola tarde. Proximamente anunciarase a nova data na que se celebrará a carreira da muller. As inscricións, que son de balde, poden seguir realizándose en liña premendo nesta ligazón.
Este ano celébrase a cuarta edición da carreira da muller “Moitos camiños, mesma meta”, que tivo unha gran acollida en anos anteriores e contou cunha gran participación. Trátase dunha proba deportiva na que os participantes deberán enfrontarse a nove obstáculos ao longo de 600 metros, que se poden recorrer correndo ou andando, e con ou sen axuda de compañeiros/as. Non se trata dunha cita competitiva, senón dunha proba que busca reivindicar as dificultades ás que se enfrontan todas as mulleres no seu día a día. Cada atranco simbolizará un reto distinto.
O recorrido poderase realizar de maneira individual ou con compañía. Ademais, búscase fomentar a participación do público familiar e propiciar o debate social sobre aspectos como a conciliación ou a corresponsabilidade. Por este motivo, esta carreira está pensada para tódalas persoas maiores de 5 anos. No caso dos menores, deberán acudir acompañados dun adulto.
Este ano a carreira farase na contorna do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Estaba prevista para este venres, 8 de mazo, pero debido á previsión meteorolóxica que apunta choiva, vaise cambia a unha nova data que será anunciada proximamente.
A inscrición, de balde, pode realizarse en liña premendo nesta ligazón, ou ben de forma presencial, nas oficinas dos Servizos Sociais do Concello, situadas no Milladoiro (rúa de Abaixo, número 10) e en Bertamiráns (praza de Chavián, s/n).
Trala carreira haberá sorteo de agasallos grazas á colaboración de Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), que colabora nesta iniciativa con diversos premios. Cada participante na carreira participará en dito sorteo co número do seu dorsal.
Novas relacionadas:
Ames Go: "Adíase a carreira da muller “Moitos camiños, mesma meta” porque dan choiva para o 8M"