Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para o concerto “Ritmando” dos Jaloch@s

Venres, 08 de marzo de 2024

O programa Apego continúa o seu programa de actividades neste mes de marzo co espectáculo musical “Ritmando”, de @s Jaloch@s, que se vai desenvolver na Casa da Cultura de Bertamiráns o sábado 16 de marzo, ás 18:00 horas. Os/as interesados/as en anotarse poden facelo enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal desde hoxe e ata o 15 de marzo, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, idade dos nenos/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o primeiro semestre do 2024 pode consultarse premendo nesta ligazón.

Hoxe, 8 de marzo, abre o prazo de inscrición para a actividade “Ritmando”, un espectáculo musical impartido por Suso Bello e Sabela Olivares, @s Jaloch@s, que busca fomentar entre as crianzas o uso da comunicación escrita e oral da lingua galega como fonte de diversión e aprendizaxe, tendo en conta a inclusión, a igualdade e os valores sociais e colaborativos. Trátase dun espectáculo no que se fomenta a participación activa do público mediante xogos baseados no ritmo, a percusión oral, o baile, a escritura creativa e a lingua de lingua de signos.

Este concerto terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns o sábado 16 de marzo, ás 18.00 horas. Está dirixido a público familiar. É unha actividade de balde pero é preciso inscribirse canto antes.

As persoas interesadas en inscribirse só teñen que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas que vaian participar. O prazo para anotarse está aberto dende hoxe ata o vindeiro 15 de marzo. As prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes, e non se admitirán inscricións fóra do período de inscricións.

O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto colaborativo no que participan varios concellos, entre os que se inclúe Ames, e que vai dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, empregando distintas actividades e recursos.

As familias interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Aberto o prazo de inscrición para o concerto “Ritmando” dos Jaloch@s

Multimedia

  • Aberto o prazo de inscrición para o concerto “Ritmando” dos Jaloch@s