Pestanas principais

Dende o luns 11 de marzo a rúa Pedregal pasa a ter sentido único de circulación para gañar máis de 30 prazas de aparcamento

Sábado, 09 de marzo de 2024

O Concello de Ames informa, a través dun bando municipal, que dende o luns, 11 de marzo, a rúa do Pedregal pasa a dispor dun único sentido de circulación. Os vehículos poderán circular dende a rotonda do Pedregal dirección avenida da Maía. A modificación na circulación desta rúa débese ao proxecto que se está executando na actualidade, a través do cal se vai reordenar o tráfico rodado e renovar por completo a pavimentación da rúa. Isto permitirá gañar máis de 30 prazas de estacionamento. As obras, incluídas dentro do plan Ames Progresa 2021-2023, foron adxudicado á empresa Movimiento de Aridos y Construcciones de Arosa SL por un importe de 171.016,12 euros.

Dende o luns, 11 de marzo, a rúa do Pedregal, en Bertamiráns, pasará a contar cun só sentido de circulación cara a avenida da Maía, e o espazo sobrante da calzada empregarase para prazas de aparcamento en oblicuo, en substitución do actual aparcamento en liña da marxe esquerda. Deste xeito, gañaranse más de 30 prazas de estacionamento en dita rúa. Tamén se procederá ó fresado de 5 centímetros do aglomerado actual da calzada, á demolición da beirarrúa e do bordo existentes. Ademais, na plataforma viaria disporase unha nova capa de rodaxe composta por 6 centímetros de mestura bituminosa en quente.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “a empresa adxudicataria do proxecto xa comezou as obras. Na actualidade estase executando a  demolición da beirarrúa e do bordo existentes. Estas obras van permitir renovar por completo o aspecto desta rúa de Bertamiráns e ao mesmo tempo vaise reordenar o tráfico rodado, pasando de dous carrís de circulación a un único sentido cara a avenida da Maía”.

Características das obras
O pavimento das beirarrúas estará formado por unha capa de regularización de zahorra de 5 centímetros de espesor medio e baldosa de formigón vibrado de dimensións 60x40 centímetros e acabado granallado, sobre 10 cm de formigón HM – 20. Contará cun bordo prefabricado de formigón no contacto co estacionamento.

Os vaos para vehículos ó seu paso polas beirarrúas, resolveranse cun pavimento de 20 centímetros de formigón impreso con malla electrosoldada e fibra de nailon son unha capa de 10 centímetros de zahorra. O acabado superficial impreso simulará o corte da baldosa granallada. Nos pasos de peóns disporase pavimento táctil direccional e de botóns, segundo o disposto na normativa de accesibilidade vixente.

Tamén se completa a renovación completa da sinalización horizontal. Neste apartado tamén se inclúe un novo cebreado na avenida da Maía para anular o carril central de espera que permitía o acceso á rúa Pedregal. As actuacións completaranse co traslado dunha farola e a canalización completa da rede alumeado público.

Dende o luns 11 de marzo a rúa  Pedregal pasa a ter sentido único de circulación para gañar máis de 30 prazas de aparcamento

Multimedia

  • Dende o luns 11 de marzo a rúa  Pedregal pasa a ter sentido único de circulación para gañar máis de 30 prazas de aparcamento
  • Dende o luns 11 de marzo a rúa  Pedregal pasa a ter sentido único de circulación para gañar máis de 30 prazas de aparcamento
  • Dende o luns 11 de marzo a rúa  Pedregal pasa a ter sentido único de circulación para gañar máis de 30 prazas de aparcamento